Que lle poño?

Mirando ao mar....

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 03/06/2021

Comparte esta noticia
Chama moito a atención a situación creada co motivo da vacinación fronte ao SARS-CoV-2, despois da falta de acordo entre a Administración Central e algunhas autonomías pero, sobre todo, dalgúns destes eidos políticos coa práctica totalidade das sociedades científicas. E o digo en relación, máis especificamente, coa forma de completar a pauta de vacinación naquelas persoas que foron – fomos – inoculadas cunha primeira entrega do preparado deseñado pola Universidade de Oxford e producido masivamente pola compañía anglo-sueca Astra-Zéneca.
 
A situación á que se chegou, despois de xestos, probas, declaracións, marchas adiante a atrás, e incertezas comprensibles nun proceso inédito como o que estamos vivindo, non deixa de ser finalmente surrealista. Tanto, que aos que estamos neste grupo de traballadores esenciais están a chamarnos agora para preguntarnos algo así como o que che dirían en calquera bar: Que lle poño? E isto non ten pase, tendo en conta que terían que ser unicamente os criterios científicos, tanto epidemiolóxicos como clínicos, os que decantasen a balanza dunha ou doutra maneira. Que vai contestar un cando lle preguntan isto? E, sobre todo, con que criterio? Polo que din os periódicos ou se conta nas conversas da televisión? Por afinidade política dunha ou doutra banda da pelexa? Certamente, non toca…
 
Entendo que soamente o criterio da ciencia, o paradigma considerado como ciencia normal a día de hoxe, pode ser o que sente unha posición razoable para saírmos desta encrucillada. Dous camiños: ou ben repetir coa Vaxzevria (Oxford e Astra-Zéneca) ou pasarnos ao Comirnaty da Pfizer-BioNtech, tal e como defende e ata exixe o Ministerio de Sanidade.  E o certo que o único que a día de hoxe está sobradamente testado, malia ter aparecido algúns poucos casos graves ou letais, e certamente moi aireados, é a pauta completa coa mesma vacina de partida. 
 
E que pasa coa outra posibilidade? Pois que non ten ningún tipo de xustificación científica pretender validar un estudo baseado en moi poucos centos de casos para avaliar uns  efectos adversos que xorden cada cen mil, douscentos mil ou máis casos. Estatisticamente o estudo do prestixioso Instituto Carlos III, que avoga pola finalización da pauta co preparado de Pfizer, non ten moito percorrido. Nesta liña téñense pronunciado a práctica totalidade das sociedades científicas, no marco dun amplo consenso dentro do mundo biosanitario. Pero, recalco, tamén desde unha perspectiva físico-matemática os estudos baseados en tan parca mostra non deixan de presentarse como sorprendentes, cando menos. Non quere dicir que a estratexia sexa mala, nin moito menos. Simplemente, que non está testada a día de hoxe. 
 
É por todo iso que, xa que poñen a pelota no noso tellado, moitos optaremos por completar a xogada con Vaxzevria. E, a partir de aí, mirando ao mar, a ver que pasa… Pero estaremos baseando a nosa obrigada decisión en que esta é a única das opcións hoxe comprobada pola ciencia. O outro non deixa de ser unha saída do paso despois de que motivos comerciais, políticos ou quen sabe cales teñan entrado en escena, castigando ao preparado da Universidade de Oxford.
 
Xa lles contarei que tal nos vai nesa tesitura… Ou xa lles contarán...
 
jl_quintela_j@telefonica.net

Un viario coa vacina de AstraZeneca, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19
Un viario coa vacina de AstraZeneca, nun dispositivo de vacinación masiva fronte ao Covid-19 | Fonte: Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.