Obama e Pujol

Na mesma semana, como se estivesen de acordo, ao presidente dos EUA e ao ex de Cataluña deulles por recoñecer cousas feas do pasado. O estadounidense, que durante o seu mandato tamén se torturou xente en Guantánamo. O catalán, que durante o seu goberno ocultou unha fortuna fóra, sen declarala e ao mesmo tempo que ostentaba o título de "Honorable".

Por Francisco Castro | Vigo | 20/08/2014

Comparte esta noticia
O primeiro ten, que non se esqueza, un Nobel da Paz. Case que nada. E cando llo deron el xa tiña  coñecemento de que se estaba torturando e, malia iso, non deu nin a orde de parar nin a de castigar aos responsables desa violación de dereitos básicos. O que quere dicir que consentiu e dalgunha maneira autorizou. Iso explica, tamén, por que cada vez que visitou China ou recibiu líderes chinos, nin abriu a boca para pedir o cumprimento dos Dereitos Humanos nese país. O outro,  lexislou normas e deu discursos arredor da legalidade, a ética e a moral polo que foi merecente de aplausos e palmadas nas costas. Logo, cando deixou a política, cando menos a nivel teórico, botou a andar unha fundación (que leva o seu nome) precisamente sobre ética e moral. 
 
Independentemente do grave dos seus comportamentos, un por omisión e comenencia, o outro por hipocrisía e interese, case que me atrevería a dicir que o máis terrible do que fixeron é o que ten que ver co dano letal que lle provocan á credibilidade da política. Porque, por repetir un tópico, os primeiros que teñen que dar exemplo de bo comportamento e actitude impecable son aqueles que ditan leccións, pretenden ser guieiro e nos imprecan e aleccionan para ser como cómpre ser. E se logo resulta que para eles mesmos o que sosteñen é só unha máscara, un paraugas bonito pero baleiro baixo do que acubillarse (polo xeral ata que os pillan) se iso é así, o dano a nivel global é enorme e as consecuencias, letais. 
 
Como levo ben de anos dicindo, este tipo de comportamentos indecentes axudan a que de cada vez máis xente, sobre todo xente nova, rexeite a política e, xa que logo, que abracen fórmulas políticas en verdade perigosas como é o posicionamento da ultradereita. Pujol e Obama, cada un ao seu estilo, axudan a que aniñe dentro do común das persoas a idea de que todo vale, que a política é unha actividade de xente falsa, que van todos a roubar. E que son todos iguais. 
Instalada esa idea no máis profundo dos corazóns, rómpese a baralla e xa ninguén quere xogar. Nesa tesitura, sempre ganan os que máis berran, os que teñen menos escrúpulos. A bestialidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro