Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2024 | Actualizada ás 16:38
Froito da colaboración entre o proxecto 'Castelos non aire', de investigación arqueolóxica sobre fortificacións altomedievais galegas, e a comunidade de montes veciñais da Picoña, esta semana comezou unha campaña de escavación arqueolóxica no alto de San Cibrán, situado entre as parroquias de Guláns e A Picoña.
Os traballos diríxeos o investigador e arqueólogo do grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela Mario Pereiro, que explica que o Alto de San Cibrán -lugar de referencia para as dúas parroquias, que celebran alí unha romaría dúas veces ao ano- esconde un recinto fortificado "moi interesante, cunha extensión próxima ás 5 hectáreas e cunhas evidencias construtivas aínda reconocibles".
A campaña arqueolóxica, que contempla intervencións en dous posibles edificios situados na zona sur do recinto, durará dúas semanas e ten como obxectivo coñecer a cronoloxía de ocupación da fortaleza, o que "permitirá desenvolver hipótese de para que foi construída", comenta Mario Pereiro.
A intervención realízaa a empresa Tempos Arqueólogos e está cofinanciada pola Universidade de Santiago de Compostela e a comunidade de montes da Picoña. Do mesmo xeito que outras intervencións organizadas por 'Castelos non aire', estará "aberta por escavación", facendo posible a calquera persoa achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.