Artigos de Jose Luis Quintela

"De luces... e de sombras”

Falando de Vigo e das súas luces, por centrarnos, a min se me ocorre sobre todo unha pregunta, que traio hoxe para vostedes, mirando ao mar e, moi especialmente, a ese mar agarimoso, especial, incriblemente belo e que xa seducía no século XIII aos trobadores como Martín Codax nas súas cantigas de amigo... Aí vai: Esas moreas de xentes que agora veñen a ver Vigo con tantos “leds” pendurados nas rúas, non repararon antes no maxestoso de moitos dos seus edificios, nas súas formidables solucións arquitectónicas e na extrema beleza da súa contorna? Eu son dos que penso que hai moitas razóns para visitar Vigo. E ningunha delas é, para min, a pouco elegante exhibición de luces de feira, que conxugan a frialdade dos “leds” cunha sospeita permanente sobre sostibilidade ambiental e social.

Ébola

“Agora que estamos a falar disto, así na intimidade que nos brinda o marco do Galicia Confidencial, xúrolles que moitas veces, mirando ao mar, penso na nosa fraxilidade. Porque, por moito que nos creamos e moito que miremos con fachenda aos nosos avances tecnolóxicos, non somos nada no conxunto da Natureza”.

Redes que teñen pouco de sociais

“Penso que, fronte á virtualidade, hai que apostar pola baixada á terra de novo. Que hai que poñer os pés nela, entendendo que este mundo físico do que gozamos é moi superior a todo o que nos poidamos imaxinar, e que xa existen a beleza e a harmonía, e que non hai que buscalas na mentira das redes. E que, ademais, estas non son nin gratis nin filantrópicas e que responden a intereses ben concretos dos que nadan en cartos a partir dun negocio no que o produto somos nós.

Os difíciles números da volta ás aulas

“Eu recordo no colexio grupos, sendo neno, con cincuenta e dous rapaces e rapazas. E despois, no instituto, de corenta. Levábase ben, porque a sociedade era distinta, e o rol do profesorado tamén, tendo mudado nestes anos desde un maior autoritarismo a unha esfera de entendemento co alumnado. Hoxe sería absolutamente inviable calquera destas cantidades de alumnos e alumnas. Primeiro, porque o exercicio real da actividade docente sería moi difícil. E, segundo, porque aínda que se puidese levar a cabo, o resultado estaría moi lonxe do exercicio de calidade pretendida.”

Cal é o límite do turismo?

Entendo que partimos da base de que o “canto máis, mellor” non pode ser sostido por ninguén. Ou, polo menos, por ninguén que se teña parado a pensar cun pouco de perspectiva [...] E é que, miren, os destinos turísticos son máis ou menos atractivos para as potenciais persoas visitantes por unha serie de recursos que posúen, sempre limitados...

Das “curtas” e das “longas”...

“Os temas entran e saen da axenda pública a velocidade de vertixe e, nese balbordo de ideas, feitos e desexos todo o que ten que ver coa estratexia a longo prazo queda un pouco chafado. Non quero dicir que non se faga tal exercicio de intentar ver máis aló, non, pero sempre moi condicionado por factores moito máis propios dunha visión de luces “curtas”. E iso, por definición, distorce a imaxe. “

Está a política sobrevalorada?

“Penso que é urxente outra forma de traballar desde o público e para o público, con un eido político máis magro, sinxelo, centrado e capaz, moito menos no orgánico de partido e que mire ao noso presente e, sobre todo, ao noso futuro”.

Tránsfugas

“O primeiro paso nesa viaxe ten que ser a dimisión de todo o que implique representación pública obtida desde as filas das que te vas, para volver comezar de cero desde as novas listas. Se non o fas así, poderá ser legal ou non a túa situación, pero o que está moi claro é que a mesma queda moi afastada da ética.”
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.