O teatro galego na rúa contra os recortes e a "censura" da Xunta

Fotos da manifestación en Santiago no interior.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/03/2012

Varios centos de persoas participaron este martes en Santiago na protesta convocada pola Plataforma das Artes Escénicas de Galicia. Actores, técnicos, malabaristas, programadores, guionistas, empresarios e outros profesionais dos escenarios percorreron as rúas da capital de Galicia nun ambiente festivo.

O acto reinvidicativo do Día Mundial do Teatro estivo marcado en parte polo repentino cese da directora do Centro Dramático Galego. A Xunta de Galicia negou que botase a Blanca Cendán por pretender ceder o Salón Teatro de Santiago para esta reivindicación. O Goberno Galego nega unha represaria por motivos políticos e alega "problemas de xestión" que non quixo detallar. O certo é que a protesta tivo que concluír ás portas do edificio da Xunta nunha zona na que existen numerosas infraestructuras teatrais de titularidade pública.

Recorte do 40%

No manifesto da protesta recordábase os recortes executados por diferentes administracións na industria do teatro. "Tendo en conta os recortes económicos soportados nos últimos anos (de 2009 a 2011 arredor dun 40%), sumado ao parón na contratación de espectáculos, e as nefastas previsións para o 2012, atopámonos nunha situación de verdadeiro risco. Risco na perda do dereito dos cidadáns a disfrutar dunha cultura libre e democrática, como na perda de arredor de 2000 postos de traballo que na actualidade dependen do sector", argumenta a Plataforma.

Piden o cese de Fasero

O Goberno prometeu un substituto axiña para Cendán, electa no seu día mediante concurso público. Con todo, o sector teme que o CDG, a principal compañía do país por orzamento, non sexa quen de lanzar unha produción este ano e que mesmo desapareza vítima da "austeridade" do Executivo de Feijóo.

PSdeG, BNG e Encontro Irmandiño xa criticaron o cese de Cendán, acto que consideran propio da "censura".

A Plataforma pediu o cese de Juan Carlos Fasero, responsábel do AGADIC, tras o despedimento de Cendán e as débedas que soporta o sector, en parte por impagamentos da Xunta.

A mobilización estivo secundada pola Asociación de Actores de Galicia, Escena Galega, a Asociación Profesional de Danza Escénica de Galicia, as Salas de Teatro Privadas, a Asociación de Festivais de Artes Escénicas, a Asociación de Ilusionistas de Galicia, a Asociación Alumnos da Esad, a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia e a Asociación Galega de Guionistas.

Máis imaxes de Jorge M. de la Calle da protesta en Santiago aquí.