Feijóo presume de que Galicia está mellor que Cataluña

O presidente galego asegura que non lle pedirá "máis axuda" aos galegos para financiar a sanidade. Insiste en que as contas galegas están mellor que a doutras comunidades que apostan por esa medida, como a catalana.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 03/05/2012

"Cos datos presupuestarios que temos Galicia pode permitirse non pedirlle axuda aos usuarios da sanidade pública". Así de contundente se amosou este xoves o presidente da Xunta ao ser preguntado pola posibilidade, que xa avanzaron certos altos cargos de sanidade tal e como publicou GC, de que os galegos teñan que pagar polo menú dos hospitais mentres están hospitalizados.
 
E para manter esta afirmación botou man dos balances económicos e fiscais da comunidade e suliñou que Galicia ten un 1,6% de déficit público o que lle dá "marxe e posibilidades" para evitar esta medida posto que "só" terá que "reaxustar" a súa capacidade orzamentaria en 69 millóns de euros.
 
Comparación con Cataluña
 
"Outros", dixo en alusión a Cataluña, "teñen que cadrar 4.000 millóns e terán moitas dificultades para manter o déficit", suliñou en relación á proposta de Artur Mas de que se paguen cinco euros por estancia hospitalaria. "Non vou a criminalizar a un presidente que fai propostas para manter o sistema de saúde, hai que preguntarlle a el e corresponde xulgarlle á sociedade catalá", indicou.
 
En todo caso, e preguntado sobre se Galicia baralla facer pagar polos menús hospitalarios, aclarou que a Xunta "non pedirá axuda" aos galegos para isto. "Se a situación de Galicia fose distinta, se cadra, si habería que expor un copago neste tipo de servizos non clínicos", indicou.