Novagalicia Banco vende casas dende 65.000 euros

Unha terceira parte dos 14.371 millóns que prestaron Caixanova e Caixa Galicia a construtoras están cualificados como de "difícil cobro".

Por Galicia Confidencial | | 05/05/2012

A importante aposta das caixas galegas polo mercado do ladrillo é unha das razóns da situación límite de Novagalicia Banco, que o Banco de España quere sacar en poxa se o presidente José María Castellano non atopa quen recompre o 91% das accións que hoxe posúe o Estado.

Nesta situación Novagalicia Banco loita, como outras entidades, por tentar colocar os seus activos inmobiliarios, aínda que sexa con importantes rebaixas. Así, a entidade galega apura os últimos días da súa campaña "oportunicasas" co lema "esta primavera consigue a casa dos teus soños a un prezo rebaixado".

A campaña da entidade inclúe inmóbeis en Levante dende 65.000 euros. En Galicia as cantidades son máis altas, pos o inmóbel máis barato anda polos 165.000 euros. A empresa tamén oferta "100% de financiamento" para hipotecas até 40 anos.

Caixa Galicia e Caixanova concederon 14.371 millóns a construtoras, motivo polo que Novagalicia Banco ten agora provisionados 4,4 millóns para cubrir o riscos de impagos. Deses máis de catorce mil millóns, máis de 5.000 están cualificados de dubidoso cobro. Os catro maiores responsábeis deses investimentos cobraron 18 millóns en indemnizacións cando deixaron os seus cargos en Caixanova e Caixa Galicia.