Memoria hímnica
Cando e onde ondeou por primeira vez a nosa bandeira?, que textos e músicas se barallaron como alternativas posibles ao himno de Pondal e Veiga?, cal foi o papel xogado polas institucións emigrantes no fomento destes símbolos?. Unhas preguntas que teñen resposta en '100 anos do himno galego", unha obra de Xosé Neira Vilas, editada por Embora da que fala esta semana Armando Requeixo.
Por Armando Requeixo | Ames | 23/05/2012
Título: 100 anos do himno galego
Autor: Xosé Neira Vilas
Editorial: Edicións Embora
Lugar: Ferrol
Ano: 2012
Páxinas: 61
O infatigable Xosé Neira Vilas acaba de dar ao prelo un novo e interesante volume ensaístico baixo o título de 100 anos do himno galego, que ve luz da man das ferrolás Edicións Embora.
Na sesentena de páxinas que compoñen este álbum, o escritor de Gres repasa os principais fitos no proceso de xurdimento, consolidación e popularización do noso himno, cantado por vez primeira na Habana o 20 de decembro de 1907, logo dunha longa xestación que camiñou en paralelo á promoción do nacemento da Academia Galega e ao espallamento oficioso da nosa bandeira como iniciativas todas tres debidas aos desvelos dos nosos emigrantes naquela illa.
Aínda que a práctica totalidade da información máis salientable que achega aquí Neira Vilas figura xa recollida en anteriores investigacións (tanto do autor de Memorias dun neno labrego coma doutros estudosos como Baldomero Cores Trasmonte, Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña, Luís Alonso Girgado etc.), o certo é que a presente obra constitúe unha aproximación na que a amenidade divulgativa casa ben co espírito documental e testemuñal dun autor que, cómpre non esquecelo, soubo de primeira man de moitas das conmemoracións, aniversarios e efemérides ás que ao longo das últimas décadas deu lugar a lembranza homenaxeadora da historia do noso himno.
Neste sentido, se tivese que sinalar de entre todos un único acerto desta valiosa monografía, ficaría, sen dubidalo, co riquísimo fondo iconográfico que ilustra as súas planas, inzado de caricaturas, reproducións de cubertas de libros, revistas e xornais, convites, tarxetas, partituras e outros materiais en moitos casos de ben difícil acceso.
Por tanto, aqueles que desexen saber onde ondeou por primeira vez a nosa bandeira, que textos e músicas se barallaron como alternativas posibles ao himno de Pondal e Veiga, cal foi o papel xogado polas institucións emigrantes no fomento destes símbolos de noso, cales foron os persoeiros directamente implicados na súa promoción e mesmo que ecos suscitaron na prensa da época, tanto alén coma aquén mar, este 100 anos do himno galego ha ser unha moi agradecida lectura, pois nos capítulos que a compoñen os que neles procuren atoparán tamén noticia de diversos intelectuais galegos (Francisco Fernández del Riego, Xosé Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Antía Cal, Xosé Ramón Barreiro, María do Carme Kruckenberg, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Herminio Barreiro, Xosé Filgueira Valverde, Basilio Losada, Valentín Paz Andrade, Lois Tobío…) que recordaron para Neira Vilas cando e onde foi a primeira ocasión que escoitaron os vibrantes acordes do himno que musica a baril poética pondaliá.
Xa que logo, unha edición esta materialmente moi coidada —como adoita acontecer co traballo desenvolvido por Embora— e de interese para reactualizar o valor dos nosos símbolos patrios nestes tempos tan facareños, nos que a identidade semella por veces ir esfarelando ata esvaecer no nada.