As Cantareiras de Ardebullo xa están preparando as mudas de baile para actuar nas verbenas e festas galegas nos próximos meses. Malia os rumores de separación, as fillas da Conexa percorrerán Galicia en solitario ou acompañadas da súa propia orquestra, a Ardebullo Bin Ban.
Por Paco Gallego | Galicia | 31/05/2012
Espectáculo de Nucha e Mucha (foto Marcos Martínez)
Despois do enorme éxito que está a colleitar o grupo de facebook que pide que as Cantareiras de Ardebullo representen a España en Eurovisión, sumando case cinco mil apoios, as mellores festas galegas poderán contar este verán coas artistas Nucha e Mucha, as irmás máis famosas da televisión galega. Estarán de xira nos próximos meses polas mellores verbenas do país. As Cantareiras de Ardebullo xa están cadrando datas no calendario e preparando os seus traxes máis vistosos para botarse á estrada e actuar alá onde as chamen, despois da súa actuación no último Festiletras de Ponteceso.
Será unha xira moi esperada polos fans de Nucha e Mucha, sobre as que correron moitos rumores de crise e separación desde que o pasado mes de decembro se despediran de Luar, o programa no que actuaban cada venres desde había catro anos. Pero o certo é que as fillas da Conexa teñen máis ganas ca nunca de subirse aos escenarios a contar as súas historias sobre Ardebullo, cantar algún dos seus grandes éxitos e botar un pé de festa.
Tanto ánimo festeiro teñen Nucha e Mucha que mesmo contan coa súa propia orquestra para animar as verbenas: a Ardebullo Bin Ban, unha orquestra inspirada nas grandes bandas galegas dos anos 40, 50 e 60 (Los Satélites, Orq. Finisterre, Los Tamara, etc.) e co gran Sito Sedes de cantante. Así, ademais das actuacións en solitario as Cantareiras tamén ofrecen o espectáculo O Baile de Ardebullo, un show de case tres horas de duración no que se mesturan o mellor humor galego e a mellor música de sempre.
Polo de pronto, estarán no Festival das Artes Escénicas de Riós o 11 de agosto. Nos próximos días faranse públicas todas as citas desta xira. Poderedes estar ao tanto no noso facebook GC Tendencias e no noso twitter.