Iniciamos unha nova sección da man de Manuel Rodríguez Alonso que, baixo o título 'Boas e malas palabras', trata de abordar as incorporacións terminolóxicas no diccionario da RAG.
Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 06/06/2012
Un dos castelanismos que máis atopamos nas nosas lecturas de obras literarias é o emprego do substantivo masculino colmo co valor de ´grao máximo ao que se pode chegar en algo´. Tamén é moi empregada, mesmo por filólogos, a expresión *ser o colmo, co valor de ´ser intolerable, ser o máximo ao que se pode chegar´. Este emprego de colmo é un castelanismo evidente, pero, xa dixemos, dos máis estendidos hoxe.
En galego correcto, e non no castelgalego influído polos medios de comunicación madrileños e madrileñistas, como ben sinala a última edición dixital do dicionario da RAG colmo é ´Palla escollida de centeo ou de trigo, usada para cuberta de palleiros ou construción coma a palloza´. A cuberta feita con esa palla tamén se denomina colmo. O erro vén porque os correctores ortográficos dan como correctas as formas colmo/colmar (colmar en galego é botarlle a unha construción un teito de colmo), pero son o que os tradutores chamamos ´falsos amigos´.
Para fuxirmos deste castelanismo, podemos empregar no canto de colmar co valor de ´encher´ as formas que a propia RAG propón no seu dicionario castelán-galego do ano 2004: acugular, encher, ateigar. Se o verbo se refire a algo esperitual, como na tradución do castelán colmar de atencións, podemos usar tamén as formas propostas pola propia RAG no mesmo dicionario: encher de, cubrir de. Para as locucións castelanistas *para colmo, *ser o colmo a propia RAG propón por riba, ser do que non hai, ser o máximo.
Seguindo coa RAG, comentaremos agora algunha das novidades estandarizadoras que rexistramos na versión dixital do seu dicionario, que actualiza os dicionarios en formato libro de 1997 e mais o dicionario castelán-galego de 2004.
Nos devanditos dicionarios a RAG consideraba incorrecto en galego varón co significado de ´home´ (si o admitía como peza do rodicio do muíño ou como pau longo e groso; de aí que os correctores ortográficos o desen como válido e por iso era amplamente usado por escritores e mesmo filólogos). No anterior dicionario da RAG, o de 1997, aparecía varón como entrada, mais co asterisco de termo incorrecto e a nosa máxima autoridade lingüística ordenaba usar no seu canto home. Mais se consultamos o Volga (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega) tamén da propia RAG varón, na acepción de ´home´, ven grafado en cor vermella, é dicir, a cor reservada para os termos incorrectos e ademais propón, como facía o dicionario do 97 ou o castelán-galego de 2004, por home. A tradición lexicográfica e estandarizadora galega xa tiña asumida esta proposta da RAG, desbotadora de varón. Deste xeito, o Gran Dicionario Xerais de 2009 inclúe como entradas *varón, *varonil, co asterisco de incorrección, e propón a súa substitución por home, viril, respectivamente. Mais agora, o dicionario dixital rehabilita varón como termo perfectamente galego.
Outro termo agora rehabilitado na última edición dixital do DRAG é xacemento co significado de ´lugar no que de forma natural se atopan minerais´. O dicionario académico de 1997 introduce como entrada incorrecta, con asterisco *xacemento e propón para esta acepción o emprego de depósito. O dicionario castelán-galego da RAG de 2004 mantén esta postura e mesmo distingue entre depósito, para o de minerais, e depósito de restos arqueolóxicos, para o que non son minerais, senón arte. Ben é certo que esta postura da RAG non era aceptada e así o Gran Xerais consideraba correcto xacemento con esta acepción. Agora a versión dixital, como xa vimos, considera correcta esta acepción e faina sinónima de depósito na acepción 5 desta palabra.
Evidentemente que as academias teñen todo o dereito do mundo a facer cambios. Mais, nunha lingua en proceso de normalización e con palabras tan usuais, habería que ser un pouquiño máis coidadosos do que o son os encargados do dicionario académico. Pensemos amais que estamos ante palabras (varón, xacemento-depósito) que son moi habituais nos libros dos nosos escolares, desde educación primaria ata o derradeiro curso do bacharelato. Xa que logo, as persoas que nos dedicamos a confeccionar libros de lingua e literatura galegas ou mesmo corriximos ou traducimos do castelán libros de texto (non esquezamos que a maioría dos libros de texto dos nosos escolares son traducións dos libros casteláns) desde o ano 97 rexeitamos estes termos, seguindo o mandato académico, pois no Ensino, e máis nunha lingua coma o galego cun proceso estandarizador tan recente, cómpre aceptar as propostas da RAG, xa que, de acordo coa Lei de Normalización Lingüística de 1983 é a nosa institución normativizadora. E non se conteste, como fixo nalgunha ocasión algún dos responsables dos dicionarios da RAG, dicindo que non apareza un termo no dicionario non quere dicir que sexa incorrecto, xa que aquí si aparecen *varón/*xacemento co correspondente asterisco de incorrección e ordénase a substitución por home/depósito, respectivamente.
Eu, que fun desde 1977 ata practicamente onte, responsable de traducións e correccións ao galego de libros de texto, respondín nestes anos un bo feixe de consultas de mestres e profesores de todas as materias e niveis que non entendían esa proscrición de varón/xacemento. Explicámoslles que era o criterio académico e formaba parte dese labor de descastelanización do galego na procura do chamado galego identificado. Mais agora todo isto xa non vale para nada, pois a Academia cambiou. Especialmente grave é o caso do xacemento, pois na linguaxe científica non se deben crear tecnicismos sinónimos. Debe procurarse que haxa un só tecnicismo por cada concepto científico. No de xacemento/depósito a RAG fai todo o contrario. Por outra banda, no habitual descoido académico e ata falta de sensibilidade só considera xacemento/depósito como tecnicismo da xeoloxía e esquece totalmente a arqueoloxía ou a paleontolóxía, pois só o refire a minerais, pero nunca a restos arqueolóxicos nin fósiles. Que termo usaremos, de acordo coa RAG, para nos referirmos aos xacementos/depósitos arqueolóxicos e fósiles?
E aínda máis, para difundirmos os criterios académicos mesmo nun dicionario escolar recente reproducimos con asterisco de incorrección *varón/*xacemento, especialmente para axuda do profesorado e pais que non sexan filólogos profesionais. Agora teremos que refacer todo.
Para rematar por hoxe, querería contar unha anécdota sobre o que supoñen estes cambios académicos no aspecto práctico e no eido editorial e do ensino. No primeiro dicionario galego que publicou a RAG, neste caso en colaboración co ILGa, o dicionario de 1990 a RAG establecía que para o concepto de ´dimensión menor nunha superficie plana ou dimensión considerada de dereita a esquerda ou de esquerda a dereita´ só se debían empregar largo, ga (adx. e s.m.) ou largura e nunca ancho, cha e anchura. O dicionario devandito de 1990 incluso engadía en observación: O uso de ancho por largo é un castelanismo. É na entrada largura poñía a seguinte observación: O uso da palabra anchura co sentido de largura é un castelanismo.
A RAG publica tamén en 1993 o Pequeno diccionario da lingua, destinado especialmente ao ensino primario, e alí mantén a postura do dicionario do 90 e mesmo repite as observacións sen cambiar absolutamente nada. Posiblemente, a elección da RAG veu motivada porque largo/largura son termos máis habituais para esta dimensión nas linguas romances ca ancho/anchura e como as NOMIG establecen que se han de elixir as formas que amosen maior solidariedade co portugués e máis co resto de linguas romances, fuxindo do castelanismo, pois por iso elixiron largo/largura para o concepto desta dimensión.
Como resultado deste criterio académico, quen isto escribe (daquela responsable da corrección-tradución de libros de texto en galego dunha importante editorial e mesmo autor naqueles anos dun dicionario escolar) asumiu a proposta académica e ancho/anchura foron substituídos nesta acepción por largo/largura. De novo, volveron as consultas do profesorado e mesmo das nais e pais, pois aquilo de dicir que había tres dimensións largo/longo/alto suscitaba as súas dúbidas. Mais tentouse razoar iso da forma máis solidaria co resto da Romania e co portugués para os tecnicismos e todo foi indo. Mais no ano 1997 a RAG considera sinónimos sen preferencias para esta medida ancho/largo e anchura/largura.
En canto aos tecnicismo da información que en castelán se denominan banda ancha ou ancho de banda nada nos di o dicionario académico nin sequera o Gran Xerais. Mais os textos dos informáticos galegos amosan a súa preferencia por banda larga e largo de banda.
O dicionario da RAG dixital mantén a postura do de 1997 e fai sinónimos sen preferencias para este concepto ancho/anchura e largo/largura. Eu desde aquí, humildemente, propoño que revitalicemos este largo/largura, como fan os informáticos galegos, posto que, ademais, é unha solución en consonancia co portugués e máis con outras linguas romances, como propoñen as NOMIG para elixir as formas normativas.
Nunha próxima entrega, falaremos da permisividade académica últimas, pois agora xa non é incorrecto dicirmos ou escribirmos olvidar, olvido, plantilla ou xove.