O martes 7 de agosto preséntase o libro "Berros no roncar das ondas" ás 20:00 horas no Castelo de Santa Cruz. Asistirán tamén Xurxo Souto, autor do limiar, e Bernardino Graña, autor dos poemas.
Por Paco Gallego | A Coruña | 13/06/2012
A exposición fotográfica de Xacobe Meléndrez Fassbender con versos escollidos de Bernardino Graña percorrerá diferentes vilas da provincia coruñesa ata o mes de setembro, logo de ter pasado por Carril, Rianxo e Pontevedra.
Este é un proxecto que naceu coa intención de conectar coa maior cantidade de público posible, indo na súa procura aos espazos de uso cotiá, nomeadamente á rúa, achegando así a arte ao públicoe amarrando espectadores casuais que se atopan, no descorrer habitual das súas vidas, coa arte fotográfica de Fassbender sumada aos versos de Graña..
Arte, nesta ocasión, cun alto contido de reflexión social e ambiental, e que propón unha análise crítica da relación entre a humanidade e o medio, a través dun achegamento sentimental, da man dunha plasticidade atractiva e dos versos que as acompañan do comprometido poeta do morrazo Bernardino Graña.
A costa, máis aló de marcar unha fronteira entre a terra e o mar, é metáfora e realidade do encontro entre o home e a súa contorna. Sinal de identidade da xeografía galega e paradigma do seu encontro coa sociedade. Alí onde rompen as ondas di o mariñeiro que o mar berra, e Bernadino Graña pon palabras aos seus bramidos de paisón, esperanza e denuncia.
A man de Xacobe Meléndrez, a súa ollada, a súa mente, ponlle imaxe as iconas líricas, adoptando o ponto de vista dese organismo vivo que é o océano resulta unha estratexia que se demora na visión dunha paisaxe humanizada, para gloria e vergoña dos seus actores e sufridores a un tempo.
Berros no roncar das ondas tenta xuntar a voz do sentemento e a mirada para reforzar o seu inquerimento. Quen somos? O que facemos? Que ficará do noso paso fugaz no tempo? Vida, coma nós mesmos, ou morte como o resto do noso sen-tempo.
Esta exposición está acompañada da videocreación fotográfica "Ferido busco o teu mar" , que se proxectou sobre o saxofonista de Vertixe Sonora Ensemble no CGAC de Compostela o día 18, dentro dos concertos de música contemporánea Retrato Sonoro, do que acopañamos cartel cunha imaxe de Xacobe Meléndrez na columna da dereita. O propio autor explícanos a xénese deste traballo videográfico:
"A fotoproxección Ferido busco o teu mar forma parte do proxecto e responde a unha colaboración coa música en directo de Giorgio Netti (compositor), interpretada ao saxo soprano por Pablo Coello no CGAC o pasado día 18 e que esperamos repetir en outras ocasións, probablemente a finais do verán, pero estamos estudándoo. É a parte máis afectiva, ou romántica de Berros no roncar das ondas, xa que son fotografáis de pés dunha muller nunha praia de coidos e enlaza co poema Amor, ti e máis eu os dous.
Ten unha duración de 13 minutos e son perto de 90 fotografías. A música é moi especial, de execución moi complexa, arrancando texturas inauditas do instrumento. O título da peza é Intuire la despiegata forma della luce.
É a segunda vez que colaboro con Vertixe Sonora Ensemble, proxectando imaxes durante as súas actuacións. A anterior foi no retrato sonoro de Jeff Wall, tamén no CGAC".
Itinerancia de Berros no roncar das ondas.
Arteixo 1-13 xuño
Bergondo 14 - 25 de xuño
Abegondo 1ª quincena de xullo
Oleiros 1ª quincena de agosto (actualmente no Castelo de Santa Cruz)
Betanzos 2ª quincena de agosto
Carral 1ª quincena de setembro
Sada 2ª quincena de setembro
Expo en Arteixo
Xacobe Meléndrez é un dos membros fundadores do grupo Arteu, arte+sociedade, que ten organizado diferentes actividades de achegamento da arte aopúblico, tales como Enarborar o bosque, pendente de celebrarse novamente, ou Paralelo 43º 21′ 45″, celebrado no barrio da Agra do Orzán da Coruña.