Nesta nova achega da sección 'Boas e malas palabras'. Manuel Rodríguez fala daqueles termos que eran considerados ata fai pouco castelanismos e que son aceptados no novo dicionario da RAG.
Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 14/06/2012
Desde os primeiros tempos da actual normativización/estandarización do galego alá polos comezos da década dos oitenta do pasado século (lembremos que a primeira edición das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego son de outubro de 1982, vai facer agora trinta anos) había una serie de termos que se consideraban incorrectos pola RAG, fundamentalmente por os considerar castelanismos. Mais agora, no novo dicionario dixital desta institución, son admitidos e, aínda que non se consideren incorrectos ou preferidos, o certo é que tampouco se valoran como incorrectos.
O primeiro destes casos é o das palabras olvidar/olvido. Desde o primeiro dicionario publicado polo ILGa, o infantil Dicionario básico da lingua galega, en 1980, considérase que olvidar é un castelanismo inadmisible no galego. Tanto é así que este dicionario presenta o verbo *olvidar precedido polo asterisco de incorrección e engade: En galego dise esquencer. Xa que logo, desde hai máis de trinta anos, o profesorado e os que elaboramos materiais para o ensino do galego e en galego dedicámonos a corrixir estes castelanismos de olvidar/olvido. O dicionario da RAG e do ILGa de 1990 segue a incluír *olvidar/*olvido co asterisco de incorrección e ordena o emprego de esquecer/esquecemento. E así está xa aceptado en toda a tradición estandarizadora. Eu no ano 1985 nun dicionario castelán-galego puña a seguinte observación no olvidar castelán: Esquecer retrocede ante olvidar, pero esquecer é a forma autóctona, popular e normativa galega. Admite o dobrete esquencer. Así trata o asunto toda a tradición estandarizadora-descritiva (Gran Xerais, Dicionario Galaxia de usos e dificultades, Galego Século XXI). Nós mesmos nun dicionario para escolares publicado o ano pasado e seguindo este criterio académico (vixente no dicionario de 1997 da RAG e no castelán-galego de 2004 tamén desta institución) inclúímos como entrada *olvidar, con asterisco de incorrección e engadimos a seguir: A forma correcta é esquecer.
Mais agora vén a RAG e, no seu dicionario dixital, dinos que olvidar/olvido e toda a súa familia léxica, polo tanto, son termos correctos, aínda que sexan máis aconsellables esquecer/esquecemento. Cal é o motivo do anatema que pesaba, segundo os estandarizadores, sobre olvidar/olvido? Pois eu coido que se debía á autoridade do primeiro director do ILGa e gran patrón da lingüística oficial galega no remate do século XX, Constantino García, que segue as opinións do outro patrón, Ramón Lorenzo. Garcia na súa obriña Follas da lingua considera olvidar un castelanismo, seguindo o que di Lorenzo no Glosario de La traducción gallega de la Crónica… que afirma, que malia existiren na lingua medieval olvidar/olvido, sinala que más normal en port. es esquecimento y en gall. esquencemento. Sabido é que os filólogos oficiais galegos se caracterizan, especialmente nos primeiros tempos, polo seguidismo respecto ás opinións da parella García-Lorenzo. Eu creo que foi esa e non outra a razón última, no pensamento dos normativizadores dependentes da parella García-Lorenzo, polo que *olvidar/*olvido foron anatematizados.
Mais que quere dicir a frase de Lorenzo de que esquecer/esquecemento é máis normal? O termo normal non ten cabida na lexicografía científica pola súa imprecisión e vaguidade.
O certo é que desde os tempos de Galego 1 (1971) a tradición estandarizadora vén considerando que olvidar/olvido son castelanismos e por iso son rexeitados. No vocabulario que inclúe o devandito manual Galego 1 indícase que o equivalente do olvidar castelán é esquencer.
Mais agora no dicionario dixital da RAG reaparecen olvidar/olvido como termos correctos, aínda que menos aconsellables que esquecer/esquecemento. Isto débese, desde o meu punto de vista, que primou a opinión dos dialectólogos, é dicir, dos que consideran que a lingua falada, aínda que estea moi castelanizada, a de ser criterio estandarizador privilexiado. Desparecidas ou xubiladas as devanditas autoridades ou patróns, xa non había motivo para desbotar olvidar/olvido, que, evidentemente son moi habituais na fala espontánea e castelanizada e ata na literatura pola mesma razón, como acontece con jueves, abuelo ou ventana.
Por outra banda, se consultamos o Vocabulario ortográfico da lingua galega da RAG, que está coordinado polos mesmos académicos directores do dicionario, atoparemos que olvidar aparece grafado en cor vermella, símbolo de incorrección, e que se propón a súa substitución por esquecer. Isto paréceme dunha total e absoluta falta de seriedade.
Eu coido que, tras máis de corenta anos de rexeitar olvidar/olvido por castelanismos (aínda que sexan castelanismos tamén presentes no portugués ou mesmo na lingua medieval e ata aparezan na literatura), temos que esquecer discretamente esta proposta da RAG e seguir a utilizar esquecer/esquecemento. Se procuramos un galego identificado e descastelanizado, non debemos dar voltas atrás, coma esta da RAG a propósito de olvidar/olvido.
Falando de esquecementos, o dicionario da RAG esqueceu colocar como entradas aldea e mais aldeán. Se procuramos aldea, no devandito dicionario dixital da RAG, atoparemos esta frase: Este termo non se atopa no dicionario. O mesmo acontece con aldeán. Mais se consultamos aldehido vemos que na listaxe das entradas que anteceden e seguen a esta, aparece aldea aldeán (así, as dúas palabras) como entrada. Evidentemente, unha cousa é aldea e outra moi distintas aldeán/aldeá. Debían figurar como entradas separadas. Este erro déixanos ver o desleixo con que se elaboran os materiais da RAG. Vese que ninguén da RAG, nin coordinadores nin tan sequera un humilde bolseiro, consultou ou corrixiu ben o dicionario. Se nos pasa unha cousa así aos que traballamos en empresas privadas elaborando dicionarios e outros materiais para o ensino, duramos no noso posto de traballo medio telexornal.
Estes días houbo unha polémica sobre a forma de elixir os bolseiros e persoal da RAG e tamén sobre as subvencións a esta institución. Eu creo que a RAG ten dereito a recibir a mesma subvención ca calquera das institucións similares do Estado español, mais tamén cómpre controlar, por parte da cidadanía, como se empregan estas subvencións ou se contrata o persoal da RAG, posto que eses cartos saen dos petos de todos nós, a través dos impostos.
E falando de esquecementos a RAG segue a esquecer os termos e acepcións propios da linguaxe literaria. Chama a atención a insólita xenerosidade amosada co castelanismo olvidar/olvido (e con outros que trataremos no futuro) fronte ao rexeitamento dos termos e acepcións propios da linguaxe literaria. Deste xeito, rexeita a RAG unha acepción tan propia da linguaxe literaria como é no caso de verba o significado de ´palabra´. Xa desde o Rexurdimento aparece na linguaxe literaria verba coa acepción de ´palabra´. Segue ao longo de toda a historia da literatura galega (aí están as Verbas de chumbo de Castelao) e continúa nos escritores actuais (acabo de ler o relato de literatura xuvenil Os megatoxos e o aprendiz de druída e alí, ata na literatura xuvenil, aparece verba coa acepción de ´palabra´). Mais a RAG segue sen admitir esta acepción e só rexistra a de ´labia, capacidade para convencer a alguén por medio da palabra´. Eu coido que habería que engadir en verba a acepción de ´palabra´, aínda que precedida por lit., para indicar que é unha acepción propia da literatura. Xa que logo, non usariamos verba nun texto de lingüística ou do rexistro funcional-formal-burocrático coa acepción de ´palabra´, mais si que é perfectamente válido coa acepción de ´palabra´no rexistro literario e mesmo no coloquial culto, que pretende asumir termos e acepcións do literario, cando, coma neste caso, están moi espallados.