Un grupo de mozos e mozas profesionais do turismo e especializados na organización de eventos low cost para mozos -macroeventos universitarios, festas temáticas ou viaxes fin de curso- oferta seis días de farra turística por Galicia a través da web Viajeroslowcost.com.
Por Paco Gallego | Galicia | 20/06/2012
O Galician Summer Tour é un macroevento universitario dirixido a mozos de toda a xeografía española. Ao longo dunha semana, esta viaxe low cost estival propón unha mestura perfecta de praia, turismo, festa e diversión "no marco incomparable de Galicia, o paraiso verde de España". Así promociona esta web especializada en viaxes a baixo prezo para universitarios/as de todo o Estado a súa promoción dunha rota de seis días polas nosas costas.
Esta ruta celebrarase do 14 ao 19 de xullo e vai dirixida a mozos e mozas procedentes de toda España e maiores de 18 anos. Anúncianse paradas na Coruña, Santiago, Sta. Cristina, Cerceda, Sanxenxo e Illas Cíes.
Esta viaxe inclúe un importante abano de eventos que van desde os máis relaxantes e diurnos ata os máis salvaxemente nocturnos e festeiros. Estas son as características resaltadas por Viajeroslowcost.com.
- Aloxamento na Coruña, Sanxenxo e Compostela.
- Transporte en autocar entre as diferentes paradas da viaxe.
- Visitas turísticas.
- Rutas de bares e entrada gratuíta ás mellores discotecas de Galicia.
- Festas temáticas con cea e barra libre.
- DJ profesional de Loca FM.
- Traslado en barco ás Illas Cíes con festa a bordo (Todo Incluído).
- Descanso nas mellores praias de Galicia e tempo libre.
- Asistencia de monitores-guía e seguro de viaxe.
O promoción non remata aquí, xa que a quen consiga dez viaxeiros/as sáelle a súa praza de balde. En todo caso, o prezo deste paquete é de 299 euros, podendo coller outro máis simple de tres días a Sanxenxo e Cíes por 129 euros. Durante esta "relaxante" estancia vacacional na nosa terra, celebraranse diferentes festas temáticas, para goce de noctámbulos impenitentes...Uns exemplos:
Festa GALICIA WHITE SENSATION: gran festa de benvida en Coruña con cea e BARRA LIBRE
Festa AQUAPARTY: inclúe tarde no Aquapark, cea e ruta de bares nocturna por Sanxenxo
Festa BOAT PARTY SANXENXO-illas CÍES: festa nun espectacular catamarán con cea e BARRA LIBRE a bordo
Festa TOLA FM: gran festa cos DJ ´ s da emisora Tola FM na DISCOTECA ZOO de Sanxenxo
Festa BEACH PARTY: espectacular festa con cea e DJ ´ s no Porto Deportivo a pé de praia
Festa CELTA: festa de despedida en Santiago con queimada galega
Na súa páxina de facebook poñen a disposición un completo álbum fotográfico para quen dubidar das marabillas que se poderán gozar nesta viaxe.