NNXX quere Twitter en galego

A organización xuvenil do PPdeG mandaralle unha misiva a Dick Costolo e "porá a centos de mozos a disposición de Twitter" para lograr o seu obxectivo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/06/2012

Novas Xeracións de Galicia solicitará ao conselleiro delegado de Twitter, Dick Costolo, a versión en galego desta coñecida rede social e comprométese a colaborar na súa tradución.
 
O presidente da organización xuvenil, Javier Dorado, Novas Xeracións realizará esta petición a través dunha misiva na que non só pedirá que se abra o centro de traducións de Twitter ao galego, senón que tamén ofrecerá a axuda dos mozos e mozas da formación para lograr este obxectivo.
 
Tras coñecerse que a partir do vindeiro 5 de xullo Twitter disporá dunha versión en euskera e catalán, Novas Xeracións considera que "non debe destacar pola súa ausencia nesta rede social a outra lingua oficial de España, que é a galega".
 
Promoción do galego
 
Nun comunicado, NNXX insiste en que os internautas poidan utilizar Twitter en galego porque sería "unha forma moi útil de promover a nosa lingua entre os usuarios dunha das redes sociais máis coñecidas e utilizadas do mundo".
 
Así, Dorado insiste no "compromiso" de Novas Xeracións coa lingua galega. "Iso é o que move a esta organización a interesarse por que non se quede atrás e Twitter abra os seu centro de traducións tamén neste idioma", suliña.