O vindeiro 20 de xullo, Siarer@s Galeg@s organiza o primeiro gran enfrontamento deste deporte. Enfrontaranse as seleccións de Galicia e de Bretaña. Galicia prepárase para participar na primeira Eurocopa de fútbol gaélico.
Será no marco de actividades do Festival da Terra e da Língua que organiza a Fundaçom Artábria. Alí enfrentaranse as selección galega e bretona. Será o primeiro partido da selección galega de fútbol gaélico.
O encontro estará organizado por Siareir@s Galeg@s e terá unha grande importancia a nível galego, xa que será a toma de contacto prévia á primeira Eurocopa de fútbol gaélico que se desputará próximamente e na que Galicia participará de xeito oficial.
"Desde Siareir@s Galeg@s apoiaremos todo este processo para consolidar esta seleçom e esperamos que tenha umha longa trajectória nas competiçons internacionais", din desde esta asociación. Así, confían en que este campionato sexa unha boa oportunidade para achegar este deporte pouco coñecido ao conxunto da sociedade galega.
Uns dos pioneiros deste deporte en Galicia son Fillos de Breogán, un grupo de coruñeses que comezou a practicalo en 2010 da man do xornalista Wenceslao García Zapata.
Moi popular en Irlanda
O fútbol gaélico ou balón pesado (en irlandés, Peil Ghaelach ou Caid) é un deporte de equipo que se xoga fundamentalmente en Irlanda. É o máis popular do país, xunto co Hurling. O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 xogadores nun campo de herba rectangular con portarías en forma de H a ambos os dous lados. O obxectivo principal é anotar puntos pateando ou golpeando o balón coas mans e introducindoo na portaría rival. O equipo con máis puntos ao final do encontro gaña.
Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, cos pes e pasándoo entre compañeiros de equipo.
O fútbol gaélico ou balón pesado é un do catro Xogos Gaélicos regulados pola Asociación Atlética Gaélica, a maior e máis popular organización deste tipo en Irlanda. Aquí tes un exemplo: