Non é a primeira vez que en Galicia se arrasa co patrimonio arqueolóxico, ben sexan castros, mámoas ou xacementos medievais. Pero sí é a primeira vez que o espacio que albergou un dos círculos líticos máis documentados de Galicia, o da Mourela, en As Pontes, con máis de 5.000 anos de historia, desapareza baixo as obras da autovía As Pontes-Cabreiros.
Por Galicia Confidencial | Galicia | 23/05/2006
Ao longo deste mes houbo un importante movemento veciñal para opoñerse a este feito e, a principios de mes, constituiuse a Plataforma cidadán en defensa do círculo lítico da Mourela. Segundo eles, as presións da actual Consellería de Política territorial e das empresas adxudicatarias ("Puentes y carreteras" e "Viviendas y Ferramentos") fixeron efecto na entidade administrativa con maior capacidade para a preservación do patrimonio histórico de Galicia; a Direción xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura.
O pasado 9 de maio finalizaron os dez días de permiso de excavación que dita entidade concedeu ao Laboratorio de investigacións arqueolóxicas do Concello de As Pontes. Unhas excavacións que, segundo os expertos non chegaron máis que para acadar pouco máis do 30% da información necesaria para contextualizar históricamente este monumento catalogado por Federico Maciñeira a principios do século XX.
Hai divisións de opinións entre a comunidade universitaria e arqueolóxica sobre o futuro deste xacemento. Houbo, especialmente entre arqueológos non vinculados a institucións oficiais nin universidades, quen reclamou a Patrimonio que tentara conservar o entorno do círculo lítico. Pero moitos outros especialistas na materia non deron a cara e consideran que este xacemento "pouco ten que aportar". Tampouco ningún dos partidos políticos se ten mollado para defendelo.
A Plataforma reclama á Xunta que, no caso de destruir este xacemento, se comprometan a garantir un monumento e señalización na autovía para ter conciencia por onde se está a pasar co coche, a reconstrucción dos círculos liticos nun lugar público das pontes e a creacción do Centro de Investigación e Interpretación Arqueolóxica do Patrimonio das Pontes. Máis información aqui e aquí.