Tras máis de seis horas de reunión, nin Touriño, nin Quintana, nin Feijoo foron quenes de acadar un acordo para que Galicia teña un novo Estatuto. A pesar de que o líder do BNG asumiu a proposta do presidente galego sobre a definición de Galicia e o estatus do galego, o líder popular non a aceptou...
Por Galicia Confidencial | Galicia | 17/01/2007
As propostas foron as seguintes:
A de Touriño sobre o Preámbulo:
"O longo da súa historia, Galicia forxou un sólido carácter nacional, que é froito da vontade dos seus cidadáns e do seu pasado común, pero tamén dun territorio diferenciado, dunha cultura senlleira e dunha lingua propia.
Galicia desenvolveu unha clara identidade cultural e política reflectida na vixente Lei de símbolos de Galicia, que recolle a formulación do sentimento galeguista e do pasado compartido falando do fogar e da nación común dos galegos.
O devandito carácter nacional atopa a súa expresión na Constitución e no artigo 1º do Estatuto de 1981 que define a Galicia como nacionalidade histórcia que se constitúe en Comunidade Autónoma".
A proposta de Feijoo:
"O pensamento e a tradición galeguista que as forzas políticas comparten describiron esta identidade propia con diferentes expresións ao largo da historia. Xa na Proclma do 15 de abril de 1846, os provincialiestas demandaran ao Goberno de España a restitución da xunta Superior do Goberno de Galicia, para consagrala 'a engrandecer o antigo Reino de Galicia'. Posteriormente, tanto os federalistas, como os rexionalistas, os solidaristas, os galeguistas e como manifestación dun sentimento nacional, os nacionalistas, arelaron todos eles a autonomía política de Galicia dentro de España e o fortalecemento da súa vocación europea e maila consideración da nosa terra como célula de universalidade".
Plan B de Quintana:
Eliminar a referencia ó acordo parlamentar e empregar a fórmula: "o sentimento galeguista que nos une a todos define históricamente a Galiza como nación".
SOBRE A LINGUA.
Proposta de Touriño:
"O galego é a lingua propia e oficial de Galicia. O castelán é tamén lingua oficial de Galicia. Para o seu uso e coñecemento ambas linguas estarán en condicións de igualdade xurídica".
Proxecto de Feijoo:
"A lingua propia de Galicia é o galego. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar".
Plan B de Quintana:
"O galego é a lingua propia e oficial de Galiza. O caselán tamén é lingua oficial en Galiza. Garántese a plena igualdade de estatuto xurídico entre ambas e dúas linguas en dereitos e obrigas".
No PPdeG están convencidos que tanto como Quintana coma Touriño levaban a proposta do presidente consensuada e que o de hoxe foi unha "encerrona". O certo é que os líderes do PSdeG e do BNG conversaron nas horas previas o encontro e acordaron non ser eles os responsables de bloquear o proceso, principalmente na definición identitaria e no estatus do galego.
En todo caso, e como xa avanzamos, Touriño, Quintana e Feijoo acudiron a xuntanza convencidos de que podía haber unha segunda reunión nos vindeiros días. A inflexibilidade dalgunhas posturas na cuestión da nación e da lingua confirmaron a imposibilidade de novos encontros, un feito que se viu agravado polo enfrentamento enconado que PP e PSOE manteñen en Madrid.
O certo é que o fracaso do proceso supón un fracaso para todos; para os propios líderes políticos, para os seus partidos (especialmente para os deputados que traballaron na ponencia) e para todos os galegos que levan un ano escoitando as vondades do texto, que ao final, non serán tales.