Hai uns días o programa Caiga quien Caiga de Telecinco emitía unha reportaxe na sección "¡Proteste ya!" sobre o alcalde-farmaceútico de Dodro, José Fernando Vila, que o deixou en evidencia...
Por Galicia Confidencial | Galicia | 10/04/2007
O reporteiro galego Gonzo acudiu a este concello coruñés tras as protestas de varios veciños que se queixaron das deficiencias do actual centro de saúde, moi pequeno para as necesidades dos cidadáns e con importantes defectos en determinados servizos sanitarios como os de pediatría.
O caso é que este centro atopase ao carón da farmacia do alcalde e foi el quen, no seu día, cedeu os terreos para a construcción deste edificio hospitalario que hoxe queda pequeno, segundo os veciños.
Algúns deles informaron a Galiciaconfidencial sobre as deficiencias deste centro. Son tantas que mesmo para entrar a determinadas salas é necesario pasar polo cuarto onde se atopan a secretaria e administrativa. Ademáis, só había unhas poucas prazas de aparcamento, polo que os pacientes tiñan que aparcar na cuneta arriscandose a ser multados pola Garda Civil como aconteceu nalgúns casos.
Non é a primeira vez que os veciños protestaban por esta situación, mesmo con denuncias presentadas ante o Valedor, pero tivo que ser un programa televisivo o que destapara todas as deficiencias do centro de saúde de Dodro.
Logo de 28 anos ao fronte do concello e da súa farmacia, José Fernando Vila, ten a oportunidade de construir un novo centro. Hai terreos dispoñibles e a vontade da propia consellería de impulsar este proxecto aínda que quede alonxado da farmacia do alcalde. Agora todo está en mans da alcaldía. Podes ver o video do programa aquí.