Beiras defende o complexo Sargadelos

A Comisión Sargadelos remitenos un artigo de Xosé Manuel Beiras publicado en Galicia Hoxe no que defende a obra de Díaz Pardo e Seoane...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 22/05/2007

II.- O CASTRO-SARGADELOS: PATRIMONIO DA GALIZA (DECLARACIÓN DE COMBATE) Por XOSÉ MANUEL BEIRAS.

Díxeno públicamente, hai poucos días, no Pazo de Mariñán. Póñoo agora por

escrito, públicamente tamén. Velaí vai.

O complexo "O Castro-Sargadelos" é o resultado dun insólito proceso de

criación colectiva inspirado, propulsado e catalizado por Isaac Díaz Pardo e

Luís Seoane. Encetouno Isaac hai máis de meio século. Hoxe constitue un

Patrimonio cultural da Galiza enteira. Compre que o poder político do

goberno galego así o declare institucionalmente, meiante o procedimento que

formalmente sexa necesario e acaído, para preservalo e garantir a sua

continuidade e supervivencia a cuberto de calquer eventualidade e calquer

peripecia empresarial que o poña en perigo de desnaturalización, destrago ou

desaparición. En canto ben de interese cultural para o povo galego, é

patrimonio da cidadanía, e á cidadanía incúmbelle reclamar do poder

democrático que actúe e interveña para defendelo e mantelo ao dispor da

cultura do común de nós, da nosa nación.

As orixes xerminais do proxecto están na conxunción de duas fontes de

inspiración e decisión e dous episodios da epopeia de resisténcia cívica,

galeguista e republicán á barbarie do fascismo franquista. No primeiro caso,

trátase dunha decisión individual tomada, en dous chanzos, por Isaac Díaz

Pardo no decurso da sua traxectoria existencial, que tan diáfanamente

tracexa Xosé Ramón Fandiño no relato biográfico que aporta ao volume recén

editado agora. No segundo, consiste nun proceso dialóxico antre Isaac e

Seoane, activado nunha dinámica de grupo no exilio arxentino e proseguido

despois de por vida, que Xosé Luis Axeitos certeiramente denomina "o exílio

como diálogo". Tentarei espricárvolo con brevidade.

Comezarei polo primeiro. A finais dos anos corenta, un Díaz Pardo que inda

non cumplira os trinta de idade decide deixar a criación pictórica en pleno

apoxeo da sua consagración como artista plástico. É solprendente, mais non

enigmático. Esclareceráo anos máis tarde nun seu conmovedor texto literario,

Meu cabalete, no que nefeito conversa co seu cabalete de pintor e faille

confidencias que hoxe resultan ser premonitórias: "a miña ruindade magoábate

-dille- porque os homes podentes das vilas me chamaban pra pintar suas

facianas nos lenzos, o brilante na man prantada sobor do brazo da cadeira

(...) e canseime dos ricos"... Isaac deixa a pintura e aborda a criación das

Cerámicas do Castro, coa colaboración financeira de José Rey e Federico

Nogueira, en terreos que a sensíbel e fidel Mimina, a muller e compañeira

leal de Isaac, cede solidariamente do Pazo do Castro de Osedo, propriedade

da sua familia. Estamos no ecuador do século XX.

Continuarei polo segundo. Cinco anos despois Isaac viaxa a Bos Aires, e alí

aceita o convite dos exiliados para montar a Magdalena, unha fábrica de

porcelanas conforme ao modelo pioneiro da do Castro e avincallado con ela,

mar por medio. E aí configúrase un cerebro colectivo, primordialmente sobre

a conexión entre Isaac e Luis Seoane, mais tamén cos Rafael Dieste, Lorenzo

Varela, Blanco Amor, Núñez Búa, Arturo Cuadrado, Antonio Baltar... Ese

irrepetíbel mollo prodixioso de seres imprescindíbeis -¡quén dera telos

daquela eiquí, esa reedición xeracional no exílio do esprito e as xentes de

"Nós"!; ¡quén dera telos eiquí tamén hoxe aínda, coa falla que fan!. Axeitos

sinala con acerto unha idea guía de aquela ilustración galega exiliada:

"Sempre se partía da necesidade de crear organizacións culturais e

industriais eficaces que servisen a Galicia, estimulando a capacidade de

iniciativa do pobo galego". O optimismo da vontade propulsor do uso da razón

en tódalas suas valencias criativas. Neses intres, alí, na Magdalena,

constitúese un Laboratorio Cerámico e concíbese a criación dun Laboratorio

de Formas de Galicia. Faráno realidade eiquí, na Terra, en 1963, Díaz Pardo

e Seoane, e moi axiña, con Andrés Fernández Albalat, darán a luz o proceso

de recuperación de Sargadelos.

A Magdalena e O Castro non foron, pois, nen naceron como simples fábricas ou

empresas industriais. Tampouco Sargadelos, filla delas. O que foron

denominaríase hoxe un combinado de "laboratorio de ideas" e "factoría

cultural". Conviría ler o que, índa o ano pasado, escribiron nesas dúas

perspeitivas -e aportaron a unha matinación colectiva sobre unha Cidade da

Cultura posíbel- o redondelán Ignacio Ramonet, que dirixe Le Monde

Diplomatique, e a vivacísima moza de Corme chamada Chus Martínez, que dirixe

a Frankfurter Kunstverein. A diáspora continúa, non vaiades pensar.

Laboratorio de ideas e factoría cultural: Laboratorio de Formas e Seminario

de Sargadelos. Dá vertixe pensar que, hai meio século, aquel heroico fato de

activistas ilustrados xa concebía un complexo proxecto político-cultural

coas categorías funcionais que hoxe emprega a vangarda do pensamento crítico

na criatividade cultural europea.

Fandiño lémbranos que a tríada de "frontes ideadas por Seoane e Díaz Pardo

para a actuación do Laboratorio de Formas", como proxecto cultural completo,

era ésta: arte, industria e comunicación. Pois iles dous, e o colectivo de

leais ao proxecto que se foron integrando no proceso -os que non desertaron

até hoxe- dérono construído por enteiro. Seminario de Estudos Galegos

resucitado. Laboratorio Xeolóxico de Laxe legado por Isidro Parga Pondal.

Museu Galego Carlos Maside de Arte Contemporánea, teima xenerosa de Luis

Seoane. Edicións do Castro para a recuperación imprentada da memoria

histórica. Instituto Galego de Información (IGI), como laboratorio de

criación ideatoria e comunicativa, hoxe sometido a asedio por corte de

suministros. Nesa urdime, as factorías industriais d"O Castro e Sargadelos

foron o artefacto funcional para a conxunción arte-industria, e as

correlativas unidades empresariais foron outro tanto para a viabilidade

económica do proxecto, dada a ausencia de iniciativa pública de raíz

política que, non só non o promoveu, senón que lle foi hostil até o remate

do franquismo. Foron unha empresa formalmente privada que funcionou, por

necesaria suplencia, con criterios de empresa pública eficiente orientada a

fins socioculturais colectivos.

Isaac, Seoane e os demáis idearon ese proxecto, edificaron ese complexo,

escribiron esa epopeia e fixéronlle ese gasallo inmenso ao povo galego,

fixéronnolo aos cidadáns todos dende o comenzo até hoxe. Correspóndenos

agora aos cidadáns pórmos a salvo esa inxente obra. Por iso requiro

públicamente, e convídovos a requerirmos xuntos, a intervención do poder

político democrático do que os cidadáns mesmos nos dotamos. A obra de Isaac

e Luis, o complexo cultural O Castro-Sargadelos, é patrimonio da Galiza -e

non de "l"homme aux écus" retratado xa hai dous séculos por Voltaire.