A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de publicar no DOG un concurso polo que busca un "sistema para a tradución automática do galego ao castelán, do galego ao inglés e do inglés ao galego".A empresa gañadora levarase case 300.000 euros cando, en realidade, a metade do traballo -a parte que une galego e castelán- xa está feita. E esta non é a única sombra sobre a transparencia da futura adxudicación.
Por Galicia Confidencial | Galicia | 13/09/2007
Apertium ou Opentrad son os nomes polos que se coñece a un programa aberto que traduce do galego, do catalán e do euskera ao castelán; e viceversa. Trátase dun tradutor automático creado con fondos públicos e que proporciona excelentes resultados. En realidade, nin a Xunta nin ninguén con conexión a internet necesitan doutro tradutor galego-castelán, pois Opentrad pode usarse gratis na rede.
Por que non só galego-inglés?
Ademais, xa que é software libre, calquera pode melloralo ou adaptalo as súas necesidades. Por exemplo, os populares tradutores en liña da Universidade de Vigo e do IES Chan do Monte de Marín non son máis que evolucións de Opentrad, que na súa parte galega foille encargado á empresa compostelana Imaxin Software e ao Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo.
Polo tanto, carece de sentido contratar un novo tradutor galego-castelán, pois o que fará calquera adxudicataria é reutilizar o Opentrad. Daquela, por que a Xunta non saca só un concurso para un sistema que una galego e inglés e que sexa compatíbel con Opentrad? Por que a Secretaría Xeral vai pagar de novo por un programa que, nunha boa parte, xa foi sufragado con diñeiro público?
"Importe desmedido"
Empresarios do sector das tecnoloxías da información sinalan tamén que o importe que a Xunta vai aboar polo sistema (ata 274.000 euros) é "totalmente desmedido", especialmente tendo en conta que unha parte substancial da aplicación é unha simple adaptación. Tamén se queixan do escaso prazo de execución, a penas un ano, que consideran imposíbel de cumprir de non ter comezado xa o tradutor galego-inglés.