Publican documentos audiovisuais da manifestación de GB

O colectivo GzVideos ven de publicar ata 90 minutos con documentos audiovisuais sobre o acontecido durante a manifestación do pasado 8 de febreiro convocada por Galicia Bilingüe para "contrarestar a visión monolítica e criminalizadora de certas televisións". Aseguran que nalgúns videos apreciábase "a dureza das cargas policiais contra manifestantes que portaban pancartas ou carteis, identificacións contínuas polo casco vello da cidade, insultos xenófobos, apupos e berros desde a comitiva de "Galicia Bilingüe" como "matadlos, matadlos" ou "que los hechen al mar como en Argentina"...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 18/02/2009

O colectivo de informacion audiovisual alternativa GzVideos (gzvideos.info ) vén de publicar unha nova entrega dos materiais relacionados coa marcha que a entidade na defensa do español "Galicia Bilingüe" organizou no 8F en Compostela contra o idioma galego. GzVideos está a desenvolver un intenso traballo de edición e publicación de audiovisuais destinados a ofrecer unha visión alternativa á proporcionada polas cadeas televisivas, que chegaron a falsificar a realidade dos feitos ocorridos o domingo 8F , criminalizando aos e ás manifestantes pro-galego e apoiando en todo momento e de forma descarada á entidade galegófoba "Galicia Bilingüe".

GzVideos disponibiliza a día de hoxe 3 materiais sobre os sucesos do 8F, cunha duración total aproximada de 90 minutos e recollendo diversos testemuños e accións que tiveron lugar , e con especial atención á represión exercida desde os corpos policiais que nese día someteron Compostela a un auténtico estado de sitio, do cal non se libraron nen os nosos reporteiros. Tamén incluimos entrevistas cos participantes na comitiva de Galicia Bilingüe.

Gzvideos.info editou no mesmo 8F unha video-crónica de emerxencia que acadou en menos de 1 día a cifra de 25.000 visualizacións, (http://gzvideos.blip.tv/file/1751572/ ) contrastando coa visión monolítica e criminalizadora de certas televisións e favorecendo unha lectura alternativa, fundamental para saber o que ocorreu realmente nesa xornada. Nela apreciábase a dureza das cargas policiais contra manifestantes que portaban pancartas ou carteis, identificacións contínuas polo casco vello da cidade, insultos xenófobos, apupos e berros desde a comitiva de "Galicia Bilingüe" como "matadlos, matadlos" ou "que los hechen al mar como en Argentina". Tamén se facía énfase na provocación das forzas policiais, que logo de numerosas cargas foron quen inicialmente provocaron os disturbios que a continuación tiveran lugar, chegando a deter a activistas polo simple feito de iren disfrazados de vaca (http://blip.tv/file/1753058/ )

"Sunday, Pottery Sunday" é unha peza de 60 minutos de duración dividida en 4 partes, e recolle en chave retranqueira as accións da "comitiva ridiculista" de activistas disfrazados que fixo acto de presenza desde o início da manifestación. A pesar do carácter pacífico e irónico dos membros e membras de "Sei o que nos figestes nos últimos 525 anos" (Seioque.com ) as FSE tampouco dubidaron en cargar contra eles. A peza audiovisual recolle a festa realizada no día anterior, onde se homenaxeou a Gloria Lago e a Gabi (a mascota da asociación). Recolle tamén numerosas entrevistas realizadas a manifestantes de "Galicia Bilingüe", axundándonos a percibir a adscrición ideolóxica e verdadeiras intencións dos que se marchaban contra o galego.

( cap-1: http://gzvideos.blip.tv/file/1773455/ ; cap-2: http://gzvideos.blip.tv/file/1773523 / ; cap-3: http://gzvideos.blip.tv/file/1773619/http://gzvideos.blip.tv/file/1773721/ ) ; cap-4:

"Defender a lingua non é delito " (17 mins), a mais recente das nosas producións, achégase con detemento e en formato reportaxe á realidade dos feitos represivos do 8F, entrevistando manifestantes que foran magoados pola policia nunha secuencia cronolóxica onde tamén se recolle a solidariedade coas detencións e as concentracións que tiveron lugar en Vigo e Compostela, coa intervención de Xosé Manuel Beiras. (http://gzvideos.blip.tv/file/1786892/ )

De GzVideos.info queremos agradecer a colaboración dos numerosos entrevistados que aparecen nos vídeos e animamos a visualizar os materiais do noso especial do 8F, axudando a clarificar a realidade mediante imaxes que amosan a dureza das cargas policiais, as detencións inxustificadas, a falsidade de certos argumentos repetidos até a saciedade ou a belixerancia dos manifestantes "bilingüistas" contra o noso idioma.