Ampliación.- Feijóo engorda ás axudas aos medios con 2,5 millóns máis

Antes de "estudar" a regulación das subvencións aos medios, tal e como se comprometeu a pasada semana cos representantes dos xornalistas, Núñez Feijóo apresurouse, dous meses despois de asumir a Presidencia do Goberno galego, a ampliar o decreto de axudas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión asinado polo bipartito e o fai con 300.000 euros máis que o anterior goberno...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 02/06/2009

Así, nunha resolución publicada hoxe no DOG, o novo secretario xeral de Comunicación defende a necesidade de ampliar este crédito porque "existen dotacións dispoñibles para esta finalidade" e porque "cómpre ampliar o importe dos créditos inicialmente asignados coa finalidade de manter esta acción de fomento en niveis adecuados". Non se fai ningunha referencia a a actual crise económica nin se modifican os criterios de concesión destas axudas para vinculalas á creación de postos de traballo tal e como reclaman o Sindicato de Xornalistas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e tal e como os tres grupos acordaron no Parlamento de Galicia.

Tamén o anterior bipartito ampliou o crédito ás empresas xornalisticas sen ter en conta a creación de emprego estable nin a diminución da precariedade. O 17 de marzo de 2008 asinaba un decreto que aumentaba en 2,2 millóns este tipo de axudas.  O novo executivo de Feijóo, utilizando este tipo de procedimentos, ben de engordar en 300.000 euros esta cantidade.

Así, o importe, que o anterior goberno fixaba para cada medio en 39.336 euros noutra resolución do 21 de novembro de 2008, será aumentado en 2,5 millóns de euros.

***********************

Resolución do 25 de maio de 2009, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se amplía o crédito inicial das axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

A Resolución do 21 de novembro de 2008, que regula as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión publicada no DOG nº 234, do 2 de decembro, establece as bases para a concesión destas subvencións.

O artigo 3 desta resolución identifica a contía inicial dos créditos destinados a financialas, sen prexuízo de posteriores modificacións orzamentarias. Así, existindo dotacións dispoñibles para esta finalidade, cómpre ampliar o importe dos créditos inicialmente asignados coa finalidade de manter esta acción de fomento en niveis adecuados.

Polo exposto e tendo en conta as áreas de competencia adscritas funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia, artigo único, punto 3 e disposición transitoria segunda do Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Ampliar o importe da contía máxima dos créditos destinados a dar cobertura orzamentaria á Resolución do 21 de novembro de 2008 pola que se establecen axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, en dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.151A.470.1.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2009.

Alfonso Cabaleiro Durán

Secretario xeral de Comunicación