OPINIÓN.- Malos tempos para a Glíptica

 Por Xurxo Ayán. As medallas non son ningunha coña, senón que llo digan ás sereas de selección española de natación sincronizada, que até esbagoan recibindo prata en vez de ouro. O meu avó gañara tamén unha medalla ao valor na fronte de Córdoba, durante a guerra do 36. Seica fóra o único que nunha rápida retirada non guindara o máuser ao chao, todo un acto de heroísmo dentro da mística africanista dos sublevados. As medallas son metáforas materiais da vaidade. Histórica fóra a anécdota vivida polo presidente Eisenhower na súa primeira visita oficial á España de Franco. Nos saúdos á comitiva do dictador o gran xeneral (o norteamericano, enténdese) quedou petrificado ao darlle a man a un Muñoz Grandes que locía no peito, todo fachendoso el, a Cruz de Ferro concedida polo mesmísimo Hitler en agradecemento pola aportación da División Azul. Eran os anos 50. Até hai ben pouco, un señoriño xa andado en anos paseábase pola zona vella de Compostela enfundado nunha chaqueta decorada cunha pequena medalla franquista de mérito ao traballo, unha condecoración da Lexión Estranxeira francesa e unha medalla do Pelegrín e o Xacobeo do 93...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 29/07/2009

As medallas son pezas arqueolóxicas que foron obxecto de estudo privilexiado para á Arqueoloxía decimonónica anticuarista. O coengo da catedral de Santiago, o carlista acérrimo López Ferreiro, deixara escrito en Arqueología Sagrada (obra de leitura obrigada nos Seminarios de toda España): Arqueología es aquella rama de la Historia, que estudia, examina y describe los antiguos productos no sólo de las Bellas Artes propiamente dichas, sino también los de la Industria en lo que puedan tener de artístico. Así, por más que el objeto primario de la Arqueología sean las obras arquitectónicas, esculturales, pictóricas y musicales, que son las que pertencen a las Artes antonomásticamente llamadas Bellas, caen, sin embargo, también dentro de su esfera, los productos de la Glíptica, del Mobiliario, de la Indumentaria, de la Numismática, de la Paleografía, de la Epigrafía, y de la Heráldica.

Este enfoque foi o que aplicou López Ferreiro como responsable da Sección Arqueológica da Exposición regional de Santiago de Compostela, da que se celebran agora 100 anos. Grazas á colaboración con outros tradicionalistas católicos como Blanco Cicerón, quen contaba coa meirande colección privada existente no país, os composteláns e as compostelás da época puideron ver pezas arqueolóxicas entre as que destacaban medallas de tódalas épocas así como ornamentais manifestacións clásicas da Glíptica.

Cen anos despois as medallas seguen causando fascinación. Velaí temos as medallas de ouro de Galicia, concedidas aos catros presidentes precedentes do país, auténticos convidados de pedra nun intelixente acto de autoafirmación do actual mandatario con apelido de gasosa. Vinteoito anos de autonomía sobre catro cadeiras, vinteoito anos que serviron para que sigamos sendo un dos países máis atrasados de Europa, un curruncho avellentado, subvencionado e en sempiterna crise, no que os avances deveñen retrocesos, un país con non sei cantas institucións oficiais e académicas que non evitan a desaparición da lingua e a fosilización da cultura. Un país que non deixa de ser unha leira de corredoiras de brea. E como somos galegos, aplaudimos e premiamos aos máximos responsables dun xa longo fracaso colectivo. Como diría un castizo madrileño: una medallita pa’l pecho por lo bien que lo hemos hecho.

Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/