Guerra de baixa intensidade no BNG

Dende a pasada Asamblea Nacional as cousas xa non son as mesmas dentro do Bloque...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 10/09/2009

A aparición de Máis BNG está provocando cambios importantes no día a día da formación frontista. Este grupo capitaneado por Carlos Aymerich e Teresa Taboas está funcionando coma un contrapeso á tradicional hexemonía da UPG. Sen embargo, e a pesar da igualdade de forzas na Executiva, non se albiscan acordos de consenso para o futuro da formación.

O líder da UPG, Francisco Rodríguez, xa o dixo por activo e por pasivo, en público e en privado: o futuro candidato do Bloque non pode ser voceiro do Parlamento galego. Unha clara advertencia as aspiracións de Carlos Aymerich a ocupar ese posto. Desde entón, as relacións entre ambos sectores, aínda que cordiais, non acaban de fructificar, especialmente, polas distintas visións políticas.

Desde Máis BNG piden á UPG que abra o abano da acción política e critican que certos sectores do partido de Francisco Rodríguez teimen só con cuestións lingüísticas. Cren que esa é unha estratexia do PPdeG para afastar ao nacionalismo de determinados sectores sociais. Desde a UPG, pola contra, acusan a certos dirixentes de Máis BNG de practicar políticas "máis propias do PSOE e, nalgúns casos, moi semellantes aos do PP".

A pesar das relacións cordiais que hai entre as cúpulas, e mesmo no Parlamento, o certo é que nas comarcas líbranse pequenas batallas por ver cal das correntes domina a acción política. Un exemplo recente é o que acaba de acontecer en Cangas, onde a UPG apostou por sumarse as mobilizacións en contra do porto deportivo en Massó, que rexeita a alcaldesa nacionalista Clara Millán e os seus afíns.

Tamén sectores nacionalistas, tanto de Máis BNG coma do Encontro Irmandiño critican as estratexias utilizadas pola UPG para tentar desacreditar a certos sectores do nacionalismo, como a guerra interna que se vive no Sindicato Labrego Galego. Así, denuncian que "para uns casos La Voz de Galicia é un demo con cornos e noutros utilizana para os seus fins partidarios", en alusión ao conflito que mantén Milucho López co SLG.

Este pequeno conflito de intereses tamén afecta á CIG, onde uns e outros sectores pugnan por facerse o control de determinados sectores do sindicato, como aconteceu recentemente nas eleccións en CIG-Administración. Xa hai voces que van máis alí e que reclaman medidas máis contundentes a un e outro bando.