OPINIÓN.- Si a Educación para a cidadanía

 Por José L. Orozco. Unha amiga miña, mestra, está moi contenta porque neste curso escolar vai impartir "Educación para a Cidadanía". Non entendíamos ningún dos dous os receos que mostran algúns, mesmo líderes de partidos políticos, xa non só sobre os contidos senón tamén sobre a propia existencia de dita materia. Temos claro que non pode significar un adoutrinamento dos alumnos senón que ten que ser un camiño para facer o que di o propio título da disciplina...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 14/09/2009

Teño unha unidade didáctica feita polo "Seminario galego de educación para a Paz" que xa lin hai tempo. Volvina a coller e elixín unha páxina o chou: " A Educación para a cidadanía vai desde o persoal e o máis próximo ao global e máis xeral. A finalidade é adquirir procedementos, habilidades sociais e actitudes básicas para o desenvolvemento dunha boa convivencia e da cidadanía democrática. Para alcanzar este obxectivo é necesario que preparemos ao noso alumnado para o exercicio da cidadanía desde unha perspectiva global (fomentando o respecto e a valoración da diversidade, o respecto polo medio ambiente e o consumo responsable, o respecto dos dereitos humanos, etc..)".(1)

Como pode molestar unha materia que ten ese obxectivo?. Xa sei que a escola ten que proporcionar coñecementos e ferramentas para preparar ao ser humano para o mundo, no máis amplo sentido da palabra. Baixo o meu punto de vista, dentro deses coñecementos e ferramentas, hai que dar os contidos que colaboren para que sexamos cidadáns no sentido de ser suxeitos con dereitos e deberes. Non podemos substituír á familia, nin á sociedade, nin á relixión pero si que a escola ten que colaborar para que se coñezan e se practiquen eses valores universais compartidos por todos nunha sociedade moderna e democrática.

Logo veñen as queixas cando vemos comportamentos que non compartimos e buscamos culpables, responsabilizando sobre todo aos máis novos. Xa sei que pouco vale a Educación para a Cidadanía, se logo a cidadanía, é dicir a sociedade en xeral, vai por outro camiño. Pero moito peor será senón poñemos modelos intelectuais do que debe ser a convivencia humana.

Penso como o Sr. Ministro de Educación que é necesario un pacto político na Educación. Díxeno o outro día na apertura do curso que fixo o Sr. Conselleiro de Educación e pido perdón por citarme: "Desde o Concello de Lugo sempre estaremos dispostos á colaboración e ao traballo en común porque isto non ten partido, eles son todos de todos e merece a pena ese pacto, ese acordo para que en Galicia todos traballemos en común na mellor tarefa que podemos traballar que é a tarefa do ensino". Se existise ese pacto seguro que deixaríamos fora da liorta política a Educación para a Cidadanía.

(1) SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ: Sobre a Educación para a cidadanía e os dereitos humanos, Fundación Cultura de Paz, Santiago 2007, páx..129

José López Orozco é alcalde de Lugo. O seu blog.