Por Xurxo Ayán. Seica nos Estados Unidos está a triunfar a morte orgánica, a volta aos antigos rituais funerarios, un froito máis da crise económica que leva aos cidadáns a prescindir dos gastos vencellados ao grande negocio da morte (cadaleitos de luxo, tanatorios, pompas fúnebres...) nunha surrealista e pragmática volta á Tradición. Confort, servicio, modernidad, buen gusto. Este é o lema dun tanatorio nunha grande urbe galega. Este sector económico da funébria (como din os portugueses) crea toda unha paisaxe, a paisaxe da Modernidade...
Por Galicia Confidencial | Galicia | 23/09/2009
A Galicia rural é o mellor exemplo destas novas escenografías xerontocráticas. O moderno, o antídoto contra o pailanismo é investir fondos europeos en tanatorios no medio da nada, en levar ao defunto da súa casa, ubicada ao sopé da igrexa parroquial e do camposanto, a un tanatorio na capital comarcal a moreas de kilómetros para voltar de novo á parroquia orixinaria. Un cálculo por enriba da gasolina empregada, dos desprazamentos, dos coches mobilizados, dos gastos de todo o proceso dá unha idea do alcance do negocio. Por suposto non ten nada que ver co Progreso, senón co bo gusto e a modernidade. Nas terras etíopes de Benishangul-Gumuz os gumuz enterran aos seus mortos detrás das cabanas, nunha foxa en forma de L que é cuberta cun círculo de pedras e unha estela de pedra. Como as aldeas se moven e as cabanas trocan de ubicación, as vellas tumbas quedan no medio e medio de espazos públicos, recordando esa relación do falecido co poboado. A Modernidade comeza a cambiar a funebria tradicional; xa aparecen pequenas necrópoles fóra dos poboados, ao carón dos camiños de acceso, e a aculturación a través da relixión faise patente. Tumbas rectangulares de cemento coroadas por cruces e un texto en amhárico lembran o vencello do individuo morto co cristianismo ortodoxo ou co protestantismo. As comunidades Oromo, pola súa banda, contan con camposantos novos nos que as tumbas presentan auténticos murais nos que se idealiza ao defunto en clave moderna: un guerreiro dacabalo con traxe, garabata e lanza; un xogador de fútbol, outro cabalgando nunha moto, a xove parella de recén casados ao estilo occidental cunha radiocassette oitenteiro...
O último enterro tradicional a o que acodín foi no ano 1996, na Terra de Lemos. O meu avó morrera na cama. O salón comedor habilitouse como marco para o velorio. Os veciños, parentes e amigos rubían as escaleiras e daban a mao aos membros da familia, de pé no corredor da galería, antes de daren o último adeus ao defunto. Na viaxe final o compadre do meu avó encabezaba a procesión fúnebre coa cruz parroquial de prata de 1763; os netos portabamos as flores e os homes da familia levaban ao ombreiro o cadaleito a través das casas da aldea até chegar ao centro simbólico da parroquia, a igrexa. Todo un ritual na honra do falecido que xa aparece reflectido nos documentos das vellas confrarías do Antigo Rexime. A morte como algo próximo, cercano, co que se convive.
En troques, a Modernidade supón o alonxamento da Morte, que é rexeitada dos centros urbáns á periferia no século XIX, en camposantos nos que se reproduce a xerarquía social, a Cidade dos Vivos. Unha amiga arqueóloga fixera hai tempo unha análise espacial do camposanto de San Amaro nA Coruña, amosando que se coñece mellor unha cidade a través da organización espacial e simbólica dos seus camposantos. Isto adoita ocurrir na Protohistoria: coñecemos mellor unha manchea de pobos prerromanos grazas ao rexistro das súas necrópoles e non tanto ao que sabemos sobre o seu espazo doméstico. Con todo, no rural galaico, malia os tanatorios, os mortos resístense. Trala prohibición decimonónica de soterrar no interior das igrexas, no NW demos coa fórmula de invadir o adro da igrexa, derivando nese modelo do panteón (cemento, tixolo, mármore, letras douradas), outro icono da Modernidade galega. O outro día a miña nai levoume dar un paseo pola parroquia, toda enchida e repoluda. Acabou amosándome un panteón recén feito no adro da igrexa, presidido por unha única frase: familia AYÁN VILA. Loxicamente, a pesares da miña querencia pola Etnoarqueoloxía, está claro que a miña mai e máis eu manexamos dous discursos ou lóxicas diferentes. A súa cara de satisfacción contrastaba co meu sorriso desencaixado.
Esta relación natural coa Morte si que é realmente moderna, vangardista; como aquela parella de irmáns solteiras que discutían para elixir o seu posto no panteón; a señora máis vella lereaba por ocupar a balda máis alta, para non estar en contacto coa terra e a humidade, polo aquel do reúma.
Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/