Debates movidos no PSOE de Ames

O pasado sábado celebrouse a Asemblea da Agrupación Socialista de Ames na que elixironse os seus delegados ao Congreso Provincial do PSOE, e á que só asistiron unha trintena de militantes. E segundo nos contan foi moi movida...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 18/10/2009

Así, apuntannos que por primeira vez desde que o Alcalde Carlos Fernández é Secretario Xeral dos socialistas amesáns votouse en urna e mediante voto secreto, a petición do avogado José Luís Prieto quen tivo a primeira intervención crítica contra Fernández na historia das Asembleas do PSOE de Ames. Criticou o entreguismo do Presidente da FEGAMP cara ao Goberno Feijoo, e o seu contraste co labor de oposición que a Federación fixo contra o bipartito..

"Fernández perdeu os nervios, revolvéndose no seu asento, lanzando improperios contra Prieto, quen ironicamente pediulle 'o respecto que lle profesa a Feijoo', e desacreditando a capacidade profesional de Prieto, que tivo ao Concello de Ames entre os seus clientes, ante o que o avogado puxo a disposición dos asistentes documentación que demostraba a falsidade das acusacións que estaba a recibir, cesando entón o Alcalde nesa liña argumental", cóntannos.

Carlos Fernández chegou a expor a posibilidade da súa propia presentación como candidato a Secretario Xeral provincial do PSOE coruñés alegando as fortes presións que para iso dixo estar a recibir.

Finalmente, a votación arroxou, por primeira vez, un 10% de votos críticos contra a candidatura a delegación encabezada por Fernández, na que este tentara sen éxito días atrás incorporar a Prieto. Xa sen voto secreto, senón público e a man alzada, unha proposta de emenda presentada polo propio José Luís Prieto só obtivo o seu propio voto.