A manifestación do pasado domingo está dando moito que falar. Primeiro foron os organizadores os que denunciaron a manipulación dos medios públicos e agora son os xornalistas os que critican os apupos aos profesionais da TVG que cubriron a protesta...
Por Galicia Confidencial | Galicia | 20/10/2009
E é que o Colexio de Xornalistas sacou un comunicado no que rexeita as presións que sufriu un informador desta canle durante a manifestación:
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere rexeitar publicamente a actitude dalgunhas das persoas que acudiron á manifestación convocada por 'Queremos Galego' en Santiago e que increparon ao compañeiro da TVG mentres informaba en directo da mobilización.
A Xunta de Goberno do CPXG entende que estas accións son presións contra os xornalistas, inadmisibles para o normal desenvolvemento do seu traballo, e lembra aos participantes que o informador traslada á opinión pública feitos, datos e declaracións a través dun medio, independentemente de que comparta ou non a súa liña editorial.
O Colexio de Xornalistas agarda que os responsables de Queremos Galego trasladen estas ideas entre os seus convocados en vindeiras mobilizacións, se as houbese, e valora positivamente a actitude daqueles representantes da organización que pediron calma e saíron en defensa dos traballadores dos medios públicos.
Non é a primeira vez que os profesionais da comunicación reciben os apupos e mesmo violencia por parte de determinados colectivos nos actos que cubren informativamente só polo simple feito de traballar nun determinado medio de comunicación. Por iso faise necesario aclarar que un traballador non é un medio de comunicación. "Non é o mesmo un empresario do metal que un traballador do metal", apunta un xornalista. A pesares disto, este comunicado xa recibiu resposta por parte dalgúns manifestantes. Así nos fixeron chegar esta nota:
En relación coa nota "O Colexio de Xornalistas rexeita as presións que sufriu un informador da TVG na manifestación de Queremos Galego" publicada por vostedes o 19/10/2009, quérolles facer as seguintes reflexións:
O exercicio da liberdade de expresión durante unha manifestación non se pode considerar unha medida de presión contra ninguén. Os berros de "televisión manipulación" que proferían os manifestantes non ían dirixidos ó xornalista, senón ó medio e ós seus dirixentes, que terxiversan e manipulan a información segundo os seus propios intereses e os do PP.
Por outra parte, as imaxes da televisión deixan ben claro que ninguén coaccionou o xornalista, que puido facer a súa información, co balbordo de fondo, iso si, dos manifestantes. Tanto Don Avelino Pousa Antelo como o Sr. Xurxo Souto dirixiuse pacificamente ó xornalista. As imaxes da propia TVG non menten.
É grave que a TVG e os seus dirixentes manipulen a información, pero que o Colexio de Xornalistas lles dea creto e cobertura é bochornoso para a profesión e para a sociedade á que debe informar obxectivamente.
Atentamente,
Alberto Álvarez Lugrís