Viaxe con cheques e festa de fin de ano

Primeiro foi Feijóo e despois Rafael Louzán quen realizou unha visita a Arxentina, onde entregou cheques a 20 familias e disfrutou da cena de fin de ano do 'Centro Galicia'. No país americano estivo acompañado por tres alcaldes, o delegado da Xunta en Pontevedra e o voceiro popular en Salceda de Caselas

Por Galicia Confidencial | Bos Aires | 16/12/2009

Este martes, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, instou aos concellos a apretar o cinto pola mala situación económica e asegurou que para o vindeiro ano o ente provincial ingresará 30 millóns de euros menos. Pero, a pesar da crise, e de recoñecer os efectos negativos que ten sobre a economía galega, Louzán viaxou hai uns días --do 6 ao 10 de decembro-- a Arxentina acompañado, ademais, de varios alcaldes populares, do delegado da Xunta en Pontevedra e da cantante María do Ceo. Alí, e logo de entrevistarse con empresarios e membros da Federación de Sociedades Españolas, repartiu cheques a 20 familias de Pontevedra. O acto tivo lugar na sede do Hogar de Ribadumia, de onde é oriundo o propio Louzán, e rematou cunha actuación de María do Ceo.

Antes, o máximo dirixente da deputación mantivo un encontro con emigrantes de Cambados nun acto organizado polo alcalde deste concello, Luis Aragunde, e que contou coa presencia do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o alcalde da Cañiza, César Mera; o das Neves, Emilio Castro, e o voceiro do Grupo Popular do Concello de Salceda, Santiago Rodríguez.

Festa no 'Centro Galicia'

Pola noite, Louzán, acompañado dos máximos mandatarios populares, acudiou á festa de fin de ano organizada polo 'Centro Galicia' no mítico Teatro Avenida. "Fue una maravillosa actuación de chicos y chicas ‘amateurs’ en un escenario majestuoso”, asegurou o propio Louzán logo do espectáculo.

Esta é a segunda visita que Louzán realiza a Arxentina en menos de seis meses, xa que o pasado verán estivo alí para presentar o libro 'De Lalín a buenos Aires, Benito Blanco, un gallego emprendedor", sobre a vida deste emigrante de Lalín, fundador da Minera Patagónica. O propio Louzán estivo fai poucas semanas en Colombia, ultimando, segundo fontes da institución provincial, unha "misión comercial".

Feijóo e Moreda

A visita de Louzán a Arxentina ven precedida doutra realizada polo presidente da Xunta que, a diferencia de Louzán, preferiu "actos pequenos", evitando que a súa viaxe institucional se convertira nunha viaxe partidista. Alí coincidiu no tempo co tamén presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que tamén estivo no país sudamericano para asinar varios acordos con entidades galegas en Arxentina por valor de 135.000 euros e en Uruguai por 33.000.