O presidente da Xunta saltouse as colas de embarque e desembarque malia non ter pagado pola prioridade que dá dereito a estes atallos, segundo denuncian varios pasaxeiros do mesmo voo entre Santiago e Madrid.
Por Galicia Confidencial | Santiago/Madrid | 04/01/2010
O incidente sucedeu na conexión entre Santiago e Madrid o 17 de decembro. O blog “Mil ojos del Xiabre” relata como os pasaxeiros sorprendéronse de atopar a Alberto Nuñez Feijóo na sala de embarque de Lavacolla.
O presidente da Xunta non estaba entre os chamados primeiro a embargar por pagaren un plus. Con todo “embarcadas las gentes de prioridad y un buen número de los comunes, el Señor Feijóo acompañado por una Señora, un 'borjamari' y dos caballeros se aproximaron al mostrador y pasaron sin haber respetado la cola de pasajeros, eso sí, sin aspavientos y con una sonrisa ¡porque ellos se lo merecen!”.
A mesma escena reproduciuse tras aterrar en Barajas. “Recibimos por megafonía la sorprendente instrucción de que todos los pasajeros debían sentarse y despejar el pasillo para que, cual desfile de autoridades, el presidente y su comitiva descendieran del avión los primeros y con comodidad, sin las apreturas de los simples mortales” relata a bitácora, que tamén fai referencia a un automóbil VIP que recolleu a Feijóo ao pé da aeronave.
Versións de Fomento e da Xunta
Galicia Confidencial confirmou con outro pasaxeiro do mesmo avión o relatado en “Mil ojos del Xiabre”. Ademais, fontes do Ministerio Fomento, de quen depende os aeroportos, aseguran que dende a Xunta se pediu a utilización dun vehículo para recoller ao presidente galego na mesma pista do aeroporto.
Dende a Xunta aseguraron a Galicia Confidencial que o mandatario si viaxou na liña de baixo custe Ryanair pero que “el foxe de protagonismos e quere ser tratado igual que o resto dos pasaxeiros". Pola súa banda Ryanair, que recibe cartos públicos polas súas conexións a Galicia, asegura que “non hai protocolos especiais para ninguén”, en contradición co relatado polos pasaxeiros do voo.