Morre un dos principais defensores do galego na Garda Civil

O xeneral de divisón Gonzalo Jar Couselo morreu a noite de Nadal en Madrid. Natural da parroquia pontevedresa do Lerez caracterizouse pola defensa do galego e polas súas ideas de esquerdas dentro da Benemérita. Foi un dos que, con máis insistencia, reclamou unha investigación para aclarar a morte do cámara José Couso.

Por Xurxo Salgado | Santiago | 26/12/2009

Gonzalo Jar foi durante un tempo xefe do destacamento de tráfico da provincia de Lugo. Actualmente era o Secretario Xeral da Dirección  Xeral de Infraestruturas e Material de Seguridade do Estado.

Era doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e experto en Dereito Internacional Humanitario da Cruz Roja Española. Foi coñecida a súa intervención no caso da morte do cámara José Couro no Irak, reclamándolle ao xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz a aperturas dunha investigación porque consideraba “que había versións contraditorias do sucedido nos medios americanos”.

É autor de varias publicacións- “Policia y Sociedad”, “La protección de los periodistas en caso de conflicto armado”- e asiduo partipantes en foros internacionais.

Defensor da normalización lingüística

Gonzalo Jar participou  en varios proxectos da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, para promover o uso da lingua galega nas forzas e corpos de seguridade do Estado.

Achegamos o texto que escribíu para o libro “En galego, con toda seguridade”, e a súa manda testamentaria, publicada no libro “En galego,agora e sempre”, editados, ámbolos dous pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
 

Xuíz honorario do Couto Míxto

O pasado mes de Agosto a Asociación de Amigos do Couto Mixto nomeou ao xeneral Jar, “Xuíz Honorario” e membro da asociación, pola que sentía simpatías desde hai tempo. En decembro de 2008 participou na Casa de Galicia en Madrid no acto de  presentación da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

O xeneral Jar  tamén seguía con moito interese desde Madrid as actividades do Foro E.Peinador, que lle solicitara a súa participación para a galeguización da empresa de autocares “Travibus Noroeste”, que o próximo día 29 presentará en Santiago a súa nova imaxe corporativa coa incorporación da lingua galega nas súas actividades: convenio, nóminas, rotulación dos autobuses con nomes de accidentes xeográficos, e o reparto gratuito da colección “Relatos da Paisaxe”. A este acto estaba prevista a súa asistencia por ser o autor dun  deses relatos.

*****************************

Eu tiven a sorte de vir o mundo nun lugar tan cheo de referencias máxicas como é San Benitiño de Lérez, no concello de Pontevedra, nunha  casa de pequenos labregos, por parte da miña nai, quen, un ano antes, casara cun xove garda civil natural de Vilatuxe, nas terras altas do Deza. Quero dicir con isto que o meu contacto co galego prodúcese de maneira inevitable dende o mesmo momento do meu nacemento, pois non hai que esquecer que, a pesar da proximidade da capital –os de Lérez seguimos dicindo “ir ó pueblo (sic)” para baixar o centro-, a miña infancia parecíase máis á dun neno labrego que á doutro urbán, transformación que se iría producindo co paso do tempo.

É por iso que, tanto por parte de nai como de pai, a miña primeira lingua foi o galego, empregado con tal naturalidade que aínda hoxe non concibo falar no barrio con calquera dos veciños doutra maneira. Pero, ademais, o ambiente no que se desenvolvía meu pai cos compañeiros de traballo seguía sendo tamén en galego, debido á procedencia maioritaria de todos eles de zonas galegofalantes. Con antecedentes tan claros dende o punto de vista linguístico, non ha de resultar estraño que, coa miña chegada á Garda Civil co ingreso na escala superior de oficiais, descubrira o que eu denomino “a gran paradoxa dialéctica” coa que tería que convivir a partir de entón.

Como tivera ocasión de descubrir na Comandancia de Pontevedra, onde prestaba servizo meu pai, as relacións entre os membros das escalas básicas tiñan como lingua principal de traballo o galego, tamén é certo que en canto se dirixían ós xefes, xa foran nativos de Galicia ou do resto de España, mudaban de inmediato de lingua para pasar ó castelán, mostrando desa maneira un desaxuste non só no eido comunicativo senón mesmo no sicolóxico, que supoño que os expertos na materia terán xa estudado dabondo. Idéntico comportamento descubrín perante a miña estancia no Subsector de Tráfico de Lugo, nos anos 1977-78, única época de permanencia profesional na nosa comunidade, unidade onde a lingua principal de comunicación era o galego, tanto entre gardas como cunha gran maioria de cidadáns, costume que se tranformaba de inmediato ante a presenza, física ou a través dos medios de comunicación oficiais, dun oficial, poñendo de manifesto a contradicción devandita.

Se ben é certo que, naquela época, non se estudaba o idioma materno nas escolas, co que difícilmente se podía pensar en incorporalo como ferramenta de traballo na Garda Civil, na actualidade, cando tódolos galegos teñen a posibilidade de coñecer, de maneira máis científica, o seu idioma, non vexo ningunha razón que impida incorporalo, en igualdade de condicións co castelán, nas tarefas diarias que desenvolven os membros desa institución. A proba da virtualidade do noso idioma no eido policial é que, na actualidade, moitos dos que traballamos nas forzas de seguridade, que non tivemos ocasión de estudar o galego –a maneira de tapar esa carencia foi sempre a través da lectura-estamos en inmellorables condicións para traballar en misións internacionais en países de lingua portuguesa, co que a paradoxa estaría de novo presente, na medida que empregamos o galego no estranxeiro máis non podemos facer o mesmo na nosa terra.

No meu caso concreto, e dado que levo xa moitos anos traballando fóra de Galicia, só podo aproveitar para praticalo cando teño que voltar aquí, cando visito países de lingua portuguesa e, de maneira máis íntima, coas miñas fillas, sendo unha delas titulada en galego pola Escola de Idiomas de Madrid, persoa que é a que me fai as imprescindibles correccións ortográficas e gramaticais.
 
Do libro “En galego,con toda seguridade”, editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística para promover o uso da lingua galega nas forzas e corpos de seguridade.

************************************
Os dezasete anos, con moita morriña e máis medo ó descoñecido, saín da miña casa de Lérez para comezar unha vida profesional, a de garda civil, que, salvo a paréntese de dous anos en Lugo, ía obrigarme a ter que vivir lonxe dese pequeno paraíso que entón era todo o que estaba a beira dun engaiolante río Lérez. Atrás deixaba os meus pais, pero sobre todo a miña avoa Xoana, unha velliña que morrería dous anos máis tarde e que nos deixaba a toda familia, precisamente por non saber falar outra língua, a mellor herdanza que nos podía transmitir, o emprego permanente do galego como única maneira de comunicarmos entre nós. Moito tempo despois descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de cómo tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego aínda que elas me responderan en castelán. Pasaron os anos e a maior, Ana, hoxe alta funcionaria do Estado, tras estudar na escola de idiomas de Madrid cinco anos de galego é xa unha verdadeira defensora da nosa língua; en canto á pequena, Marta, xornalista, custoulle un pouco máis a entrada nese mundo, pero un Erasmus en Lisboa troúxoma ó noso eido pola vía do portugués. É así como, cando se aproxima o intre de facer testamento, quero pedirlle a ámbalas dúas que, de igual maneira que recibiron ese privilexio, se comprometan ante a xeración que lles precedeu a manter viva o que consideramos é o mellor legado que se lle pode facer a unha persoa.     

Do libro “En galego, agora e sempre”, editado pola ASOCIACIÓN DE FUNCIONARIOS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÚÍSTICA, que recolle mandas testamentarias de máis de duascentas persoas.