La Región rexeitou unha viñeta do popular humorista ourensán sobre a renovación do PP de Ourense pola "actual situación política". O autor, Xosé Lois, critica a difusión da viñeta sen o seu permiso.
Por Galicia Confidencial | Ourense | 13/01/2010
O xornal La Región decidiu non publicar unha viñeta remitida polo caricaturista Xosé Lois, O Carrabouxo, por considerar que podía ser malinterpretada en ámbitos políticos. Na viñeta en cuestión, o humorista ourensán ironiza sobre a intención de Xosé Manuel Baltar Blanco de suceder ao seu pai, Xosé Luís Baltar ao fronte do PP de Ourense. Nela pódese ver a unha das personaxes características deste autor dicir "Baltar xa inaugurou o Belén" e a outra respostar "agora todos a adorar ao Neno".
A viñeta foi remitida o pasado 16 de decembro para que se publicara o día seguinte pero, según confirmou o autor a GC, o xornal ourensán decidiu non facelo pola "situación política" da provincia, en alusión, as eleccións do PP de Ourense. "Chamoume o subdirector para dicirmo e eu entendino", apunta Xosé Lois.
Sen embargo, apunta que a súa creación pode ter un doble sentido xa que alude ao tradicional Belén que inaugurou por esas datas o escultor Arturo Baltar. "Eu o que fixen foi un xogo de palabras que moitos intepretan polo lado malo, claro", engade.
Xosé Lois asegura que non é a primeira vez que se lle censuran viñetas. "Entendo a decisión porque sei para quen traballo e desde que levo debuxando xa me censuraron máis de 100 viñetas", destaca.
Molesto
Con todo, unha das cousas que máis lle ten molestado a este caricaturista é que esa viñeta teña sido distribuída por correo electrónico sen o seu permiso. "Alguén do xornal distribuíu esa viñeta sen o meu permiso e iso non está ben. Se falaran comigo igual eu decidía dala a coñecer sen ningún problema pero non me gustou nada o proceder dalgunhas persoas", asegura.
"A propiedade moral desa obra é miña e non se está a respetar a miña propiedade intelectual se se publica por aí", indica. Por tal motivo, GC decidiu respectar o seu desexo e non publicar a viñeta en cuestión.
La Región
Por outra banda, o diario ourensán atravesa unha difícil situación económica, que o levou recentemente a presentar un ERE ante Traballo. Malia ter sido aprobado, a semana pasada o xornal aínda non comezara a botar aos traballadores.
La Región mantén importantes débedas con entidades de crédito como Caixanova, onde a Deputación de Ourense, presidida por Xosé Luís Baltar, ten certa capacidade de influencia. Ademais, as entidades públicas da provincia, que controla na súa maioría o PPdeG, son unha das principais bases de financiamento de este e outros medios.