O grupo El Progreso capea a crise con despidos e reclamando subvencións

A crise económica está afectando de xeito importante ao Grupo El Progreso que, nos últimos meses, ven realizando numerosos recortes de persoal. Os últimos; tres despidos na Axencia Galega de Noticias (AGN).

Por Juan Manuel López | Lugo | 22/01/2010

As dificultades do grupo de comunicación lugués, propietario de El Progreso, do gratuíto De Luns a Venres, do xornal económico Nova +, do Diario de Pontevedra, a Axencia Galega de Noticias, Telelugo, Galiciaé e Galiciagastronómica, veñen de lonxe. De feito, o pasado ano xa despediu a nove traballadores de Diario de Pontevedra evitando presentar un ERE. Unhas accións que nos últimos meses se incrementaron aínda que non en forma de despidos, senón non renovando numerosos contratos temporais.

Os últimos despidos son os de AGN, medio que, según o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) tramita o despido de tres traballadores; dous xornalistas e unha comercial; un deles con máis de 20 anos na empresa. Dende outubro, AGN non fixo ningunha renovación de contratos nin de bolsas. Isto implica que o cadro de persoal da axencia xa se reduciu nunhas seis persoas, nove con estes novos despidos. Ademais, a dirección do grupo modificou a categoría do administrador e do director de AGN que pasarán, agora, a desempeñar labores comerciais.

Reestructuracións

A orixe destes cambios explicase polas reestructuracións que están tendo lugar no Grupo El Progreso desde que o administrador, Jose Manuel Rouco, se fixo cos fíos da empresa pola ausencia, por motivos de saúde, da presidenta, Blanca García Montenegro, viuda de Puro Cora. De feito, son moitos os traballadores deste medio que apuntan que "se a familia Cora estivera ao fronte como en épocas pasadas isto non tiña pasado así".

Con todo, a crise económica está na orixe dos cambios que están tendo lugar en El Progreso e que afectan a todos os medios galegos. O último deles, La Región, que ven de subscribir un ERE que afecta a máis de 30 traballadores. Precisamente, un dos membros da familia Outeiriño que levou as conversas cos sindicatos, sinalou que a situación do seu medio non era exclusiva e que moitos outros xornais estaban pasando dificultades. "Nós somos os primeiros, pero xa virán outros detrás", alertou.

Problemas entre El Progreso e La Región

De feito, parte das reestructuracións en AGN veñen motivadas pola propiedade da mesma, compartida entre La Región e El Progreso. Desde Lugo, acusan aos ourensáns de "bloquear" a ampliación desta axencia e de non querer venderlle a súa parte ao grupo lugués. Mesmo se barallou a posibilidade de pechar AGN, unha posibilidade que aínda non está completamente descartada. Sen embargo, os cambios do grupo El Progreso son máis profundos e afectan a todos os seus medios. Os recortes comezaron co Diario de Pontevedra, seguiron con Galiciaé, Nova +, De Luns a Venres e AGN e agora chegarán a El Progreso, que tampouco vai fuxir dos recortes de persoal.

Ademáis, nos últimos días este grupo de comunicación tamén recibiu unha mala noticia ao cancelar ADN o acordo que mantiña con De Luns a Venres para manter a cabeceira en Galicia. Unha suspensión que lle vai supor ao grupo lugués a perda de importantes soportes publicitarios.

Subvencións

Detras da situación do grupo, e en xeral de prácticamente todos os medios galegos, é o importante recorte de subvencións e axudas da Xunta de Galicia motivados pola crise económica. As xuntanzas entre os directores de xornais e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, para abordar esta cuestión teñen sido numerosas nos últimos meses. Unhas subvencións que, a pesar de ser menores a doutros anos, seguen mantendose.

Así, o grupo El Progreso recibiu recentemente máis de medio millón de euros de subvencións da Xunta. 532.000 foron para as súas cabeceiras: 272.000 euros para De Luns a Venres, 180.000 para o diario El Progreso de Lugo e 84.000 para Lérez Ediciones. Así se pode comprobar nos DOG do 14 e do 28 de agosto do ano pasado.

Unha situación que ten denunciado o SXG que lles pide aos distintos grupos parlamentarios que cumplan co acordo que eles mesmos asinaron na Cámara, a petición do propio sindicato, para vincular as axudas públicas ao mantemento e creación de postos de traballo estables.