A Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica acaba de convocar dous concursos públicos para privatizar Mancomún e o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), unha situación que afectará ao CESGA e que deixará máis traballadores na rúa.
Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/01/2010
Para tal fin a Xunta destinará máis de 310.000 euros; 150.000 para a "contratación dos servizos de consultoría da oficina técnica para o fomento do sotware libre e de fontes abertas durante o ano 2010" e 165.000 para a "contratación dos servizos de consultoría para a oficina técnica para o desenvolvemento da Sociedade da Información no ano 2010". Uns concursos que serven para finiquitar Mancomún e para "redirixir" o PEGSI.
Por iso, as asociacións de defensa do software libre, denuncian que estes concursos son "precipitados" e convocados pola "porta de atrás" para "darlle cartos a algunhas empresas amigas". O coordinador da plataforma g11n.net, Alexandre Prieto, critica que o actual Executivo galego está a "privatizar" servizos públicos "esencias" postos en marcha polo bipartito. "Son moitos cartos e van facer como no Xacobeo, poñer unha páxina do word press para poñer noticias. E para iso dan 150.000 euros", apunta.
Hai quen xa especula, como tamén aconteceu no Xacobeo coa empresa Plexus, que estes concursos están amañados e xa comezan a xurdir nomes; ben unha empresa moi vinculada a Agasol (Asociación de empresas de software libre) ou outra na que ten intereses o ex conselleiro de Sanidade, Romay Beccaría.
Desmantelamento das novas tecnoloxías
Prieto denuncia que, con estes concursos, vaise desmantelar o sistema de novas tecnoloxías da Xunta. "Desaparece Mancomún, daranlle a volta que queiran ao PEGSI e o traballo do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia) quedará moi reducido", apunta en declaracións a GC.
Por iso, denuncia a intención da nova Xunta de rematar con todo o traballo feito polo anterior executivo en materia de novas tecnoloxías. Así, lembra que, en xullo pasado, tivo unha entrevista con Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, na que esta lle dixo que na sociedade galega "había déficits de empresas mantedoras e operadoras de software libre". "E resulta que agora queren privatizar todo cando según eles non había nin estructura".
Novos servizos
Cos novos cambios, Mancomún pasaría a chamarse "Oficina Técnica de Software Libre" e sería unha consultoría que estaría baixo a supervisión da Fundación Calidade, organismo que pasaría a concentrar a práctica totalidade dos centros tecnolóxicos da Xunta. Os traballadores que aínda quedan en Mancomún, tres dos cinco que había, quedarán sen traballo xa que o seu contratos, ao ser por obra, quedarán rescindidos unha vez se privatice o servizo.
Por outra banda, a Fundación Calidade está tendo problemas para reestructurar a Rede de Dinamización logo de que a CIG convocou e gañou unhas elecións sindicais que, segundo as fontes consultadas, "estanlle complicando a Covadonga Toca, actual xerente, a operación de cargarse a Rede de Dinamización".