Son dos que penso que en política, cando menos na política municipal, se está para resolver problemas, grandes e pequenos, pero sobre todo para aventurar os desafíos e os retos que a sociedade ten formulados. Aventuralos e buscar fórmulas, mediante a xestión, de darlle solución ou cando menos de encarrilalos.
Por José L. Orozco | Lugo | 02/02/2010
Por iso é tan importante ter en conta que é preciso o acordo de moitos para chegar ás solucións precisas. Hoxe non é posible que un só, por moi importante que sexa a administración ou a empresa a quen represente, poida ser quen de estar en todo, buscar solución para todo ou conseguilo todo. Máis que nunca é preciso, cando menos, poñer en común ese “común denominador” que debe haber en todas as sociedades avanzadas, nas que pese as diferencias, sempre hai puntos de encontro e de traballo.
Nunca se pode vivir do pasado nin nos podemos recrear nel. O pasado está feito e poderemos aprender del só para non equivocarnos e non cometer erros nese futuro que temos que facer, que xa se teñan cometidos. Por iso o político necesita esa constante posta o día, ese repensar constantemente a sociedade na que vive, co fin de programar as actividades que sexan necesarias. Nese repensar ten que ter moi en conta as opinións dese “común denominador” e ser capaz non só de ilusionar senón tamén de ilusionarse.
Nese deseño é evidente que hai que ser ambiciosos. Cos pés na terra, si, pero con ambición de que as cousas se poden conseguir cando se poñen os medios, o esforzo, as ganas, o día a día do traballo, sempre moito traballo. Esta si que é a miña experiencia, pero diso falaremos noutra ocasión.
Pero non hai que esquecer algo importante: as cousas pequenas. Tamén forman parte da vida diaria de moitas persoas, das necesidades reais de moita xente que, confiando no futuro, queren que o pequeno o máis inmediato, o urxente que se transforma en importante, teña solución. Así é a vida e así somos. Por iso non hai que ter só ensoñacións. Hai que vivir pegados a realidade, á xente, para non darnos un golpe na esquina, digo nas urnas.