O show de Domínguez

Adolfo Domínguez, tal e como fixeron algúns estudantes que padecían a Universidade franquista, creu atopar na Franza dos anos sesenta do pasado século unha parte do paraíso que habitaba nas súas cabezas de rebeldes incomprendidos.Seguramente alí coñeceu o movemento “Dadá” promovido por Tristan Tzara e talvez presenciou algún dos espectáculos que organizaban na rúa para “épater le bourgeois”.Semella que esa pegada biográfica pode explicar o seu particular manifesto polo despido libre proclamado o pasado mércores en Compostela.As súas palabras non estaban pensadas para deixar indiferentes aos espectadores, fosen ou non burgueses.Quería escandalizar e provocar unha singular atención mediática.

Por Xesús Veiga | Santiago | 06/02/2010

Mentres Botín anunciaba a obtención duns beneficios históricos para o seu banco, o empresario Domínguez optaba por imitar o surrealismo dos “dadaístas” e predicaba as bondades dun catecismo liberal que non tivo a ben practicar na súa actividade empresarial.Quixo exercer de “enfant terrible” do mundo económico e descualificou a políticos, funcionarios, profesores e asalariados.Todos foron culpábeis da crise.Todos...menos os banqueiros e financeiros.Para eles non houbo reproches a pesar da evidente cobiza que caracterizou a conduta dos grandes operadores norteamericanos e europeos.

O presidente Feijoo estivo de corpo presente no espectáculo, mantendo ese ruidoso silencio que exhibe dende a súa chegada a San Caetano.De economía só emite unha consigna:as reclamacións hai que presentalas diante do goberno central.
 

Adolfo Domínguez conseguiu o que pretendía:que as súas “boutades” ocuparan, por unhas horas, o centro da atención pública, competindo mesmo cos superbeneficios de Botín, o recurso contra a Lei galega de Caixas ou a caída da Bolsa española.¿E Feijoo?¿Qué obtivo o presidente da Xunta co seu papel de acompañante do “showman”?Agardamos a resposta dos asesores de Montepío.Eses que lle dixeron que o aldraxe do Estatuto de Autonomía ocorreu hai 25 anos cando, en realidade, tivo lugar en 1979.