A Xunta volve contratar a Plexus, a empresa da web do Xacobeo

Plexus S.L. volve ser unha das empresas agraciadas cunha adxudicación directa por parte da Xunta. A CIG denunciou esta semana que 60 dos seus traballadores estaban contratados de xeito irregular polo Goberno Galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/02/2010

Desta vez é o Igape quen acaba de contratar a mesma empresa que gañou o concurso da páxina web do Xacobeo por 200.000 euros.Plexus S.L tamén foi denunciada pola CIG, esta semana, por un contrato irregular de 60 persoas que traballan na Consellería de Traballo. 

A pesar de que a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, insistiu en que esta empresa foi contratada no seu día pola Vicepresidencia de Anxo Quintana para informatizar as axudas aos dependentes, o certo é que desde a chegada do novo goberno xa se beneficiou de novos contratos coa Administración galega.

Desta volta, é o Igape quen contrata os servicios de Plexus S.L. por 47.000 euros para a adquisición de 63 novos ordenadores de mesa HP Compaq 8000 Elite USDT. Con todo, nos pregos de condicións, o Igape pedía, inicialmente, 45 ordenadores HP dc7900 (Ultra Slim DeskTop – USDT).

A historia de Plexus

Plexus S.L. está no punto de mira dos grupos da oposición que xa denunciaron que a páxina Web do Xacobeo foi actualizada pouco antes de resolverse o concurso que, finalmente, levou a empresa que se encargara desa actualización. Como apoderado desta empresa figura, Antonio Agasar Cascallar, ex-asesor da CRTVG na era Fraga e persoa próxima ao círculo do ex-conselleiro de Cultura Xesús Pérez Varela, segundo o Rexistro Mercantil.

Ademais, varias das súas firmas están relacionadas con contratos presuntamente irregulares de administracións do PP como denuncia A Nosa Terra. Este empresario tivo cargos de asesor da Xunta do PP no deseño da Cidade da Cultura e na CRTVG. Este consultor tamén é administrador único de Brétema Consulting, compañía contratada asiduamente por administracións controladas polo PP galego, como o Porto da Coruña.

O nome de Plexus S.L. tamén está relacionado con irregularidades denunciadas na Comisión de Investigación no Parlamento sobre a Cidade de Galicia así como no informe do Consello de Contas sobre a promoción da Volvo Ocean Race en 2005. Ademais de Antonio Agrasar Cascallar, asesor da Xunta e da TVG en tempos de Fraga, tamén foi directivo de Plexus Xosé María Sánchez González, ex secretario xeral de Cultura con Pérez Varela.