Que pasa no mundo do xornalismo para que nos últimos meses case un cento de profesionais foran despedidos dos seus postos de traballo? Por que os medios de comunicación galegos están pasando tantas dificultades? Por que non hai unha reacción máis contundente por parte dos profesionais da comunicación como está acontecer noutras comunidades?
Por Galicia Confidencial | Santiago | 07/02/2010
O pasado 4 de febreiro os profesionais da TV3 foron a folga. Piden un convenio plurianual que recolle, entre outros puntos, un pacto polo mantemento da Produción Interna e a plantilla e a aplicación da lei da conciliación da vida laboral e familiar. O 80% da plantilla secundou a protesta. Tamén en Cataluña, o Grupo Godó, propietario de La Vanguardia, acaba de ceder ante os traballadores deste xornal logo de varias folgas nas que participaron ata o 90% dos traballadores. A empresa decidiu, finalmente, renegociar a baixa un ERE inicial que afectaba a 90 profesionais.
Tamén o 17 de febreiro os traballadores de CRTVE están chamados a unha mobilización para, entre outras cousas, reclamar a plena ocupación de todos os profesionais, que os informadores sexan responsables dos contidos, agora en máns de "estrelas" e colaboradores externos, ou recuperar programas propios e de información de actualidade e culturais en TVE e RNE.
E, en Galicia?
Isto pasa en TVE e na CRTVE, pero, estarían dispostos os traballadores da CRTVG a saír a rúa para reclamar os mesmos dereitos?. E é que despois das protestas e da autoorganización dos profesionais durante o Goberno do bipartito para atopar unha solución aos contratados, as cousas seguen igual. As oposicións para regularizar a máis de 500 traballadores do ente público seguen paralizadas e sen data, mentres que varios profesionais teñen xa recoñecida a vinculación laboral coa Xunta logo de denunciar á compañía por contratación fraudulenta.
Unha situación semellante a que se vive no resto dos medios sen que os xornalistas, agás no caso de La Región, se unan para defender os seus intereses. Máis dun cento de profesionais da comunicación perderon o seu emprego nos últimos meses. A lista de empresas é moi numerosa e abrangue á práctica totalidade dos grupos mediáticos da comunidade. Os últimos na Axencia Galega de Noticias (AGN), pero despidos houbo en Europa Press, Qué!, Diario de Pontevedra, El Correo Gallego, ADN, Faro de Vigo, Xornal de Galicia, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Vieiros ou A Nosa Terra, entre outros, ademáis dun ERE en La Región que afectou a máis de 30 persoas. E a lista é máis numerosa e segue aberta.
Contratos temporais
Pero ademais de despidos, as empresas de comunicación utilizan unha doble práctica que se está a facer moi común nos últimos tempos. Por unha banda, non renovan aos contratados que, por lei, terían que facer fixos, unha vez cumplido os dous anos como contratados, e, polo outro, recurren aos contratos temporais para suplir os despidos. De feito, moitos medios están prescindindo dos traballadores con máis anos de antigüedade e un soldo máis elevado para ser substituídos por xornalistas novos coa metade ou un tercio do soldo e con contratos temporais. De feito, a propia Administración facilita esta práctica xa que cada novo contrato é subvencionado e as empresas utilizan o sistema para non facer empregos fixos.
A crise do sector da comunicación é xeral e ten a súa orixe na baixada de ingresos publicitarios. Sen enbargo, un recente estudo do Sindicato de Xornalistas (SXG), que inclúe datos da práctica totalidade dos centros de traballo relacionados co sector da comunicación de Galicia, demostra que en sete de cada dez medios non caeron significativamente os ingresos publicitarios. Precisamente, esta é a escusa máis explotada polos empresarios para xustificar os despidos.
Aproveitarse da crise
Por iso o SXG denuncia que as empresas están a aproveitar a crise para reducir ao máximo os cadros de persoal. Fano, ademais, estendendo o abuso de estudantes universitarios, bolseiros FEUGA, falsos autónomos e horarios extenuantes. Prácticas que realizan a pesar das enormes subvencións que reciben das administracións públicas, coa complicidade da facultades e coa pasividade da Inspección de Traballo. Tamén o Colexio de Xornalistas ten chamado a atención sobre estas prácticas abusivas.
Unha práctica que é común aquí e no resto do Estado. Esta mesma semana a Comisión de Seguimento do ERE en Unidade Editorial (O Mundo. Expansión, etc.) afirma que logo de despedir a 164 persoas, o grupo de comunicación incorporou a columnistas de "caché" e ten a case 90 bolseiros facendo ilegalmente o mesmo traballo que os redactores de persoal. O comité denuncia que a Inspección de Traballo recomendou que se denuncie nos xulgados do Social os incumprimentos da empresa ás medidas negociadas. Un inspector ordenou á compañía que entregue ao comité de empresa unha copia dos contratos que efectuou a través de empresas de traballo temporal (ETT), xa que está obrigada a iso.
Sen embargo, a verdadeira fonte de financiamento dos xornais galegos son as subvencións, uns cartos que chegan a supoñer, nalgúns casos, o 50% de ingresos dos medios de comunicación. E é aí onde radica o principal problema porque, desde finais do Goberno bipartito e coa chegada do novo goberno, os cartos públicos reducironse considerablemente. De feito, as chamadas dos directores dos medios á Secretaría Xeral de Meios son continuas para saber cando se pode desbloquear esta situación, mentres que a Xunta prepara unha norma para regular, precisamente, o fluxo do diñeiro público hacia xornais, radios e televisións.
Iniciativa no caixón
Socialistas e nacionalistas xa se adiantaron e tanto Anxo Quintana coma José Manuel Lage presentaron sendas iniciativas no Parlamento para tentar regular as subvencións aos medios. Sen embargo, a Cámara aprobou xa en xaneiro de 2008, e a instancia do SXG, unha iniciativa parlamentaria que reclama, precisamente:
"1º) Que se vinculen as axudas económicas do Goberno Galego destinadas aos medios de comunicación á loita contra a precariedade laboral dos seus profesionais, introducindo na convocatoria de axudas cláusulas que penalicen ás empresas con altos índices de precariedade ou concedendo máis puntuación ás empresas demostren ter creado emprego estable no último exercicio".
Esta proposta contou co apoio dos tres grupos pero nin o Goberno do bipartito, entón, nin agora a Xunta do PPdeG teñen feito nada para regularizar as axudas aos medios e, sobre todo, mellorar as condicións laborais dos xornalistas.