Dúbidas sobre o candidato á Xunta de + BNG

Máis BNG aínda non decidiu quen dos seus dirixentes se presentará como candidato do BNG á Xunta na vindeira asamblea nacionalista. Con todo, asoman xa os nomes de duas persoas.

Por Xurxo Salgado | Santiago | 09/02/2010

No grupo nacionalista que lle disputa a hexemonía á UPG dase por sentado a candidatura do actual voceiro parlamentario, Carlos Aymerich, que xa competiu con Guillerme Vázquez no pasado cónclave nacionalista de maio de 2009, aínda que non a fixo efectiva.

Sen embargo, nas últimas semanas sona con forza tamén o nome da ex conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, que, aínda que non se postulou oficialmente, podería tamén optar a ese posto. E é que unha recente entrevista súa en La Voz de Galicia desatou as especulacións tanto dentro deste colectivo como no conxunto do BNG.

Aymerich, portavoz parlamentario


Neste medio, Táboas asegurou que o único portavoz nacional é Guillerme Vázquez e apuntou, ademais, que a persoa que desempeña este cargo "tradicionalmente foi o candidato á Xunta". Sobre o papel de Aymerich indicou que é portavoz parlamentario. "Ese é o papel que ten agora mesmo, e ningún outro", insistiu. Unhas declaracións que non pasaron desapercibidas para ninguén dentro da formación nacionalista, especialmente, en Máis BNG.

De feito, algúns dirixentes deste colectivo consultados por GC non quixeron entrar a interpretar a "carga de profundidade" destas palabras e apuntan que, quizais se deba, a que a ex conselleira tamén aspira a ese cargo. Con todo, todos coinciden en que "non foi acertado" conceder unha entrevista a La Voz de Galicia pola "súa belixerancia co nacionalismo" e polo "ninguneo" ao que somete, segunde eles, a Aymerich e a Quintana.

"Non é o momento"

Con todo, ningún órgano de dirección de Máis BNG abordou, aínda, os nomes dos posibles candidatos deste colectivo á Xunta. As fontes consultadas aseguran que "nin é o momento, nin é necesario facelo". "Todo chegará ó seu tempo", precisaron.

Sen embargo, non ocultan a posibilidade de que dentro de Máis BNG poida haber máis dunha candidatura. "Non hai que precipitarse. Haberá que velo. Todo é cuestión de falalo e chegar a acordos", di un dirixente sobre a posibilidade de que se den duas candidaturas.