Durante meses a Xunta negouse a pagar e sementou dúbidas o encargo do bipartito a A Nosa Terra, pero agora úsao para os regalos institucionais de máximo nivel.
Por Galicia Confidencial | Roma | 01/03/2010
A Consellería de Cultura evitou durante meses o pago da primeira edición en galego do Códice Calixtino. A obra, encargada polo bipartito, non lle convencía ao Conselleiro de Cultura por considerar a adxudicación, 180.000 euros, "esaxerada", segundo informou Faro de Vigo.
Roberto Varela mesmo chegou a expresar as súas "dúbidas" no Parlamento en torno ao traballo, encargado a Promocións Culturais Galegas, editora do semanario nacionalista A Nosa Terra.
Dúbidas que mesmo se traduciron en duras críticas a súa antecesora, Ánxela Bugallo. "O bipartito deixou pasar magníficas oportunidades de facerse con auténticas xoias en condicións moi vantaxosas, cónstame. E, por contra, mercou moitísimos libros que estamos pagando nós aínda agora, e a prezos de ouro", declaraba daquela Varela en La Voz, onde incluso prometía unha investigación.
Cambio de rumbo
Pois ben, hoxe mesmo o presidente da Xunta acaba de agasallar a mesma edición que antes criticou o seu Goberno. Nada menos que ao Papa, a quen Feijóo visitou no aniversario da súa vitoria electoral.
A polémica edición inclúe 500 exemplares de luxo, dos que cen volumes van nunha caixa especial, como a agasallada hoxe a Benedicto XVI. Hai ademais un milleiro de exemplares de gama alta pero máis comúns á venda nas librerías.
O prezo por exemplar saíulle a Xunta por 120 euros aproximadamente. Cómpre ter en conta que o códice inclúe debuxos inéditos do artista Francisco Leiro e unha tradución do profesor Xosé López Díaz, probablemente o maior especialista en latín do país.
O presidente Feijóo destacou hoxe que o Papa valora especialmente que lle entregaran unha edición en galego.