Hai unhas semanas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenaba derrubar 52 chalés construídos na praia de Raeiros, no Grove, pero nin concello, nin Xunta queren executar a orde.
Por Galicia Confidencial | O Grove | 31/05/2010
A decisión parte dunha denuncia da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) que en 2007 constatou que o terreo no que se construíron os chalés contaba só con licencia para un Aparthotel, e para vivendas de luxo. Por iso, pídelles aos promotores que legalicen a urbanización. Despois de tres anos, e logo de que non se amañaran as deficiencias, ordenou o derribo dos 52 chalés. Os afectados presentaron un recurso contencioso-administrativo contra a orde alegando que contaban cunha licencia de Aparthotel concedida pola Xunta en 1992.
Desde entón, o cambio máis significativo neste proceso foi a destitución do director da APLU, Hipólito Pérez, nomeado durante o bipartito, e que foi quen asinou a orde de demolición desta urbanización que nin Xunta, nin concello queren realizar a pesar de que se ten que executar en tres meses.
Inproin faise coa licenza
O proxecto de Raeiros iniciouse no 1992. Desde entón, pasou por distintas mans ata que entre o ano 2000 e 2004, e coa mediación do líder socialista local Elias Lamelas, a sociedade Samar Hoteis, propietaria da licenza para Aparthotel, véndelle o terreo e a licenza a Inproin, S.L. O principal accionista desta sociedade é Fernando Varela, irmán do conselleiro de Cultura, quen é o que, finalmente, promove a construción dos 52 chalés de luxo. Ademais, e dentro desta operación, Inproin negocia coa xefatura de Costas unha licencia para hotel na praia da Lanzada para Samar Hoteis.
Nesa altura, comeza, ademais a construción dunha estrada desde A Lanzada a San Vicente, zona na que se atopan os novos chalés. Esta obra invade o dominio público na zona de Raeiros co obxectivo de que a distancia ao mar dos chalés sexa maior. Esta estrada foi aprobada por José Antonio Rueda Crespo, pai do conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e, na altura, xefe do departamento de Costas. Unha decisión que conta co visto e prace de Juan Lamelas, vixiante de Costas na zona do Grove e irmán de Elías Lamelas. A obra, finalmente, foi autorizada polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando este era conselleiro de Política Territorial.
Investigación da Garda Civil
A pesar de que a licenza outorgada para aparthotel xa está caducada, a construción dos chaleś continúa ata que a APLU denuncia a situación. Entón, en febreiro de 2007, Inproin decide, xunto cos demais propietarios do inmoble, constituírse como Sociedade Complejo Turístico Raeiros SCP, e pide, de novo, á xunta a autorización como hotel-apartamento. Pouco despois, a unidade de delitos económicos da Garda Civil acude ao concello para pedir información sobre esta urbanización. O alcalde, entón o popular Miguel Pérez, fala de "persecución política".
En abril do ano 2010 a APLU gaña o contencioso e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordena a demolición dos luxosos chalés. Algúns socialistas da comarca xa falan desta urbanización como "villa PP" polos seus inquilinos e en alusión ás críticas que dirixentes populares teñen feito doutra urbanización semellante na Illa de Arousa da que son propietarios destacados líderes do PSOE, entre eles, José Blanco, e que se coñece co nome de "villa PSOE".
Propietarios
Entre os propietarios dalgúns destes chalés están Roberto Varela, conselleiro de Cultura; Miguel Ángel Pérez, ex-alcalde do Grove; Telmo Martín,construtor, ex-alcalde e candidato do PPdeG en Pontevedra; Rafael Louzán, presidente da Deputación Pontevedra e Fernando Varela, construtor e irmán do conselleiro de Cultura, entre outros.