Traficantes de información (I): Prensa Ibérica e o estilo Moll

O xornalista Pascual Serrano (Valencia, 1964) vén de publicar o libro “Traficantes de información. La historia oculta de los grupos de comunicación españoles”, no que debulla a actual situación mediática.

Por Alberto Quian | Madrid | 23/11/2010

En Galicia Confidencial imos repasar este libro, publicado pola Editorial Foca (Akal) en varios artigos. E imos comezar profundando no capítulo que Serrano dedica a Editorial Prensa Ibérica, grupo ao que pertencen Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña.

“Se hai algo do que os medios de comunicación informan pouco é precisamente deles: de quen son os seus donos, en que outras industrias participan, que bancos lles prestan os cartos, canto cobran os seus directivos, como explotan aos seus traballadores, a que se dedicaron fai anos.... ‘Traficantes de información’ é unha historia de finanzas, manexos de Bolsa, fraudes fiscais, especulacións urbanísticas, violacións das medidas contra a concentración, atropelos laborais mentres altos directivos gozan de soldos millonarios e contratos blindados, executivos con sentenzas xudiciais que lles implican coa mafia, fortunas nadas á sombra do nazismo, empresas que comercializan armas para ditaduras, implicacións ao máis alto nivel co franquismo …”

Así se presenta “Traficantes de información”, prologado por Enrique Bustamante, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade Complutense de Madrid. Por suposto, non atoparades referencias deste libro na inmensa maioría de medios de comunicación en Galicia e do resto do Estado español, xa que ao seu xeito estano censurando e vetando o dereito dos cidadáns a ser informados da súa publicación e do seu contido.

Xa no primeiro capítulo, “O mercado da palabra”, Serrano advirte:

“Como na rexión da Camorra, nos nosos medios de comunicación non se poden dicir moitos nomes, non se pode citar o poder que teñen neles algunhas empresas. Os que se supón que teñen a función social de informar do que menos informan é precisamente deles”.

E é neste primeiro capítulo onde xa nos adianta algo sobre a idiosincrasia de Prensa Ibérica, que se dedica a abrir e pechar xornais “en función de intereses inmobiliarios”. Asunto que desenvolve no segundo capítulo do libro, dedicado ao grupo da familia Moll.

Prensa Ibérica

Para coñecer a Prensa Ibérica hai que coñecer á familia Moll, as súas propiedades, os seus investimentos e a historia de como o matrimonio formado por María Aránzazu Sarasola Ormazábal e Francisco Javier Moll de Miguel creou este grupo e cara a onde o dirixen.

O aragonés Francisco Javier Moll de Miguel é o presidente de Prensa Ibérica. A principios dos anos 70 traballaba en San Sebastián como comercial do Banco Atlántico. Alí coñeceu a Arantxa Sarasola, con quen se casou comezando así a súa fortuna nos negocios mediáticos. Arantxa é irmá de Enrique Sarasola, un dos empresarios máis emerxentes dos tempos do Goberno de Felipe González. Dous anos despois da súa chegada á presidencia, González liquidou a cadea de xornais do período franquista coñecida como Prensa do Movemento. Algunhas cabeceiras desapareceron e as máis rendibles adxudicáronse a empresas e persoas da súa confianza. E entre estas estaba o matrimonio Moll, como ben explica Pascual Serrano.

A verdadeira conformación de Editorial Prensa Ibérica produciuse en 1984 ao acudir á poxa dos Medios de Comunicación Social do Estado –o holding público do franquismo– e adquirir as sociedades xestoras de La Nueva España de Asturias, Levante-EMV de Valencia e Información de Alacante. Dous anos despois tivo lugar a adquisición de Faro de Vigo, que pasou a mans foráneas tras 133 anos en mans viguesas. A partir de 1988 empezou o programa de creación de cabeceiras de novo cuño. La Opinión de Murcia foi o primeiro dunha serie de xornais de denominación análoga entre os que se encontra La Opinión de A Coruña, que saíu á rúa por vez primeira o 4 de outubro de 2000 como unha extensión de Faro de Vigo na capital herculina para competir con La Voz de Galicia.
Segundo explica Pascual Serrano, o grupo posúe 16 xornais, entre eles, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. Aos que hai que sumar: Alba Editorial, tres semanais, catro distribuidoras, seis canles de televisión, nove empresas de artes gráficas – entre as que se atopa Celta de Artes Gráficas S.L., asociada a Faro– e participa de forma minoritaria nas sociedades do cable de Asturias (Telecable) e Galicia (R). Ademais, en maio de 2009 Prensa Ibérica e o Grupo Zeta chegaron a un acordo para comercializar a súa publicidade en internet a través dunha nova empresa cuxo nome é Corporación Publicitaria; unha manobra moi habitual en España que facilita a concentración de medios e, polo tanto, do poder, segundo denuncia Serrano ao longo do seu libro.

Moll pasa ademais longas tempadas en Australia, onde é propietario da publicación The Adelaide Review. Prensa Ibérica posúe neste país grandes intereses a través do Grupo Euro Pacific Holdings, que se move principalmente no campo inmobiliario (conta con diversas propiedades en South Australia, entre elas o edificio da Bolsa de Adelaida, varios edificios da cidade e un viñedo en Barossa Valley).

O estilo Moll en Faro de Vigo

A familia Moll ten un modus operandi moi particular que define moi ben os seus intereses mercantís e os seus ataques frontais contra os dereitos dos traballadores. Pascual Serrano fai no seu libro un repaso ao “estilo Moll”.  E como exemplo lembra o vergonzoso despedimento en xullo de 2009 de oito traballadoras en Faro de Vigo das áreas de recepción, devolución e peche da rotativa. A situación chegou a tal gravidade, que a xerencia do diario recorreu á Policía para desaloxar pola forza da sede do xornal, na Factoría de Chapela (Redondela) a unha das despedidas que exercía o cargo de delgada sindical.

“Un despedimento deste tipo considérase unha violación dos dereitos sindicais ao non utilizar a fórmula legal establecida para o despedimento dunha representante laboral. A razón esgrimida pola empresa foi a súa decisión de externalizar varios servizos e propuxo ás traballadoras cunha media duns trinta anos de antigüidade, unha liquidación de vinte días por ano traballado, a metade do establecido por lei. Entre elas encontrábase unha traballadora que dedicara 48 anos da súa vida a traballar no diario e á que agora botaban á rúa sen previo aviso. O mesmo día da notificación dos despedimentos empezou a traballar nos postos dos cesados o persoal dunha empresa de traballo temporal, consecuencia do plan de externalización”, explica o autor en “Traficantes de información”.

Serrano entrevistouse con Matías Movilla, coñecido avogado de Vigo, moi temido nos despachos de Faro, quen levou numerosos procesos xudiciais relacionados con despedimentos de traballadores de varios medios de comunicación de Galicia (Atlántico Diario, A Voz de Galicia, A Rexión, Faro de Vigo, O Progreso, TVE, TVG. Telecinco, Diario 16) e entre eles, os de sete profesionais de Faro. Tras a intervención deste avogado, a empresa tivo que readmitir á delegada sindical, un despedimento declarouse nulo xudicialmente e nos outros cinco debeu chegar a acordos cos traballadores diferentes das condicións que intentaron impor dende a empresa. Movilla explica a Pascual Serrano que “Faro de Vigo utilizaba fraudulentamente a vía do despedimento obxectivo, xa que este xornal, que é unha das ‘xoias da Coroa’ do Grupo Prensa Ibérica, tivera uns beneficios nos últimos anos de 4,5 millóns de euros en 2006, 4,9 millóns de euros en 2007, e 3,4 millóns de euros en 2008, e procedera a un reparto de dividendos aos accionistas por importe de 2.915.000 euros”.

Polo tanto, segundo o letrado, “non concorrían as causas para despedir obxectivamente, independentemente da ilegalidade da medida, esta, en gran medida, é inmoral”. O dereitos vulnerados eran moitos segundo Movilla: “Todo se fixo ninguneando ao comité de empresa, ao que non informaran de que se producirían os despedimentos, máxime cando unha delas era delegada sindical. Tamén entendemos que os despedimentos enmascaraban unha represalia porque se facía a traballadores que propuxeran denuncias sobre a súa situación laboral ante a inspección de traballo ou demandas ante o Xulgado do Social”, recolle Serrano no seu libro.

O xornalista valenciano vai máis aló e fala do petulante estilo de vida e as excentricidades dos donos de Faro, e que ben coñecen os traballadores do xornal vigués: “Moll visita un par de veces ao ano as instalacións de Faro de Vigo. Para iso se fixo construír un penthouse nos altos do edificio. Conta o xornalista Blas Cañada que:

Trátase dun espazo con excelentes vistas á ría, con aspiracións de suite e cunha especie de sala de xuntas á que se accede por medio dun ascensor privado dotado de clave para poder ser operado. Uns díxitos que nun principio foron 1853, o ano da fundación do xornal; pero que tiveron que ser cambiados cando un espelido traballador os descubriu (non era tan dificultoso) e decidiu subir e entrar a fisgar.  O Señor Moll (Don Javier) podería, claro, aloxarse na mellor suite do mellor hotel de Vigo. É, porén, entendible que prefira apousentarse sobre a propiedade, por riba dos empregados que na redacción e talleres se ocupan en sacar adiante o Faro de todos os días. Para recrearse in situ coa saneada marcha da empresa”.

A historia das toallas

Pascual Serrano prosegue con Blas Cañada e a anécdota acontecida con ocasión do consello de administración de 2006, para o que Moll anunciou a súa chegada ao penthouse acompañado da súa dona, Arantxa Sarasola:

“Como sempre, os dilixentes directivos de Faro de Vigo puxéronse en movemento para facer a estancia dos propietarios do xornal o máis pracenteira posible. Nesta oportunidade, dada a compañía da esposa, que non faltase ningún detalle na estancia, flores, xabóns coa mellor fragrancia e todos os etcéteras que se estilan nestes casos. Incluídas, por suposto, toallas da mellor calidade. As máis caras, que os anuncios por palabras e as necrolóxicas dan para iso e moito máis.

Alguén tiña que exercer de ama de chaves, e fíxoo. Á súa chegada, tras o acostumado cumprido recibimento por parte da cúpula do diario, a dona de Moll deu a súa aprobación á disposición do penthouse –en perfecto estado de revista, habería que dicir– e todos foron durmir contentos. A reunión do consello de administración do día seguinte prometía ser plácida e satisfactoria.

Pero estoupou a crise: dona Arantxa Sarasola de Moll non se puido secar debidamente tras a ducha. As magníficas toallas de rizo americano, de por si un pouco escorregadizas, non secaban tendo en conta que non foran sometidas ao obrigado tratamento previo de camiño por lavadora. Un fallo enorme aínda que tamén comprensible, xa que unha cousa é elaborar rendible información e outra avituallar con coñecemento un apartamento.

O caso é que a Señora de Moll montou en xusta cólera, o Señor Moll pillouse un bo rebote e o consello non resultou como se agardaba. Mesmo a punto, moi a punto, estiveron de rodar algúns cabezas, chegando os movementos telúricos ata a redacción.

Un consello que permanece no recordo dos traballadores de Faro. Un faro que é, en si mesmo, historia de Vigo. Sendo esta unha pequena historia do Faro”.

Así é o estilo Moll no xornal vigués.

No seguinte artigo sobre “Traficantes de información” falaremos da pegada que deixou Moll noutros xornais de Prensa Ibérica.