"Hai investigadores traballando gratis desde setembro"

GC entrevista á presidenta de Precarios Galicia na véspera da protesta diante da Xunta. Cotón advirte do "risco de fuga de cerebros" e cre que "cos cartos da publicidade poderían ter creado 46 bolsas".

Por Walter Burns | Santiago | 15/12/2010

Cal é a situación dos mozos investigadores hoxe en Galicia?

Unha situación gravísima e insostible, o futuro de milleiros de investigadores está en xogo. Non ten sentido que se invertan cartos na súa formación, para despois deixalos ir a outros lugares a desempeñar o seu labor. Ademais, co actual panorama, a xente que remata as carreiras universitarias non percebe a investigación como unha saída laboral decente, o que pode supoñer que se perdan mentes brillantes que poderían consolidar a investigación en Galicia. Tampouco entendemos como a inversión en I+D+i non é unha prioridade, pois está demostrado que a medio ou longo prazo é rendíbel. De feito, países como Alemaña, EEUU ou Reino Unido apostan pola inversión en I+D+i como vía de saída da crise na que estamos inmersos.

Precarios Galicia di que "o sistema investigador galego corre un enorme risco de desfacer os obxectivos acadados nos últimos anos e perder o tren da converxencia coas outras comunidades". Na vosa opinión, mellorou ou empeorou a situación do I+D co novo Goberno?
 
Co actual Goberno do Partido Popular non só non mellorou a situación da I+D+i, pois xa observamos unha redución o ano pasado do 61% con respecto ao 2008 no número de axudas convocadas, tanto bolsas de 3º Ciclo e mestrado, como nos contratos englobados dentro do Programa de Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica - INCITE, senón que empeorou ao descubrir que a menos de dúas semanas de que remate este Plan, houbo un descenso do 93'5% nos contratos do INCITE e nas bolsas de mestrado.
 
O gasto de I+D en Galicia caeu un 10 % en 2009 fronte a 2008, datos oficiais do INE. Asemade, a Xunta paga numerosos anuncios nos medios incidindo na importancia do I+D, campaña contratada cunha consultora do número 3 do PP de Vigo. Como se vos queda o ánimo ao ver esa propaganda cando, segundo denunciades, están en risco centos de prazas de investigadores?

A verdade é que vendo estas cifras, estamos bastante indignados, porque cos cartos que se empregaron nesa campaña publicitaria, poderíanse ter financiado 17 contratos posdoutorais ou uns 46 predoutorais.

As cifras que dá Precarios sobre a caída do número de bolsas son alarmantes ...

As 586 axudas (tanto bolsas como contratos) foron as que se convocaron no último ano do Goberno bipartito (2008). No ano 2009, xa coa actual Xunta á fronte, houbo 230 axudas (tamén incluíndo bolsas e contratos). Este ano, de entre todas estas bolsas e contratos, só se convocaron 15 contratos posdoutorais Parga Pondal e ademais baixo unhas condicións pésimas, pois non aseguran prórrogas nin posibilidade de estabilización, como si ocorría ata o de agora, para estes investigadores. Si que se corre risco dunha fuga de cerebros, pois hai actualmente xente traballando gratis desde setembro coa esperanza de que saísen estas convocatorias e, se queren continuar investigando, o máis normal é que se vaian a lugares onde poidan cobrar.

A Xunta alega que está preparando un novo plano de I+D, de feito contratou unha consultora privada para identificar as prioridades. En teoría, debera estar antes de fin de ano. Como parte activa do sector, consultáronvos dalgún xeito?

Non sabiamos que se contratara a unha consultora privada para identificar as prioridades. De feito, a nós aseguróusenos que se vai negociar o novo Plan de I+D+i no Consello Galego de Universidades coa Dirección Xeral de I+D+i e a Secretaría Xeral de Universidades. Por outra parte, con Precarios-Galicia non contactou ninguén da Xunta para tomar parte na elaboración do novo Plan de I+D+i. Supoñemos que está en vías de ser elaborado e que a principios do ano próximo se concretarán os detalles entre as Universidades e as dúas consellerías involucradas ,Educación e Industria.

Cantos mozos investigadores hai aproximadamente en Galicia e Cantos deles teñen unha situación laboral estable?

Esa pregunta é dificil de responder, pois non existe na actualidae un Rexistro oficial de investigadores, algo que por outra parte Precarios-Galicia leva solicitando desde hai tempo. Pero máis ou menos calcúlase que somos sobre uns 3.000 investigadores.
 
Ademais da mobilización en Compostela, que outras protestas tedes previstas?

 De momento temos que valorar a repercusión que poida ter esta concentración e, en función diso, xa pensaremos nos seguintes pasos a dar.

Mantiveron algún contacto con algún representante do Goberno ou dos partidos políticos?

Houbo unha reunión de Precarios Galicia con Ricardo Capilla (Director Xeral de I+D+i) e Javier Guerra (Conselleiro de Economía e Industria) a finais de outubro , despois de máis de seis meses solicitándoa. Nesta reunión aseguróusenos que sairían as convocatorias este ano e que o novo Plan Galego de I+D+i estaría listo para o ano que vén. Obviamente, a primeira promesa non se cumpriu, veremos o que pasa coa segunda... Tamén nos reunimos co Grupo Parlamentar do PSedG hai aproximadamente dous meses xa que eles fixeron dúas Proposicións Non de Lei pedindo que se crease un novo Plan de I+D+i que substituíse ao INCITE, e ambas foron rexeitadas no Parlamento. Co Grupo Parlamentar do BNG tamén mantivemos unha reunión antes do verán.

No seu programa electoral o PP argumentaba que era necesario unha mellor transferencia de resultados da investigación ás empresas. Tomou algunha medida efectiva neste sentido?
 
O único que sabemos a este respecto é que a Xunta vai separar o I+D (Investigación+Desenvolvemento) de Universidades do i (innovación) de empresas, e polo tanto encargaranse de xestionalos desde Consellerías diferentes, aínda que no novo Plan de I+D+i que están elaborando, estarán recollidas as tres partes.