GC desvela novas conexións entre as múltiples irregularidades nos contratos de Portos de Galicia na etapa de Carlos Negreira e as empresas imputadas na presunta corrupción de altos cargos do PP.
Por Walter Burns | O Irixo | 30/01/2011
Parar en 15 días toda a actividade do gran porto deportivo de Sada, con 700 amarres. Isto é o que ordena un novo auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A Xunta deu a concesión sen cumprir as esixencias de publicidade e libre concorrencia de toda adxudicación pública. Tampouco comprobou a solvencia da adxudicataria, segundo unha sentenza do TSXG, logo ratificada no Supremo e agora executada no novo auto do TSXG.
Portos autorizou unha cesión irregular da concesión
A beneficiada da adxudicación ilegal foi a empresa Portomar Sada. Con todo, esta compañía transmitiuna inmediatamente a empresa OYS NOROESTE en 1997, unha compañía creada sorprendentemente ese mesmo ano cun capital de só cinco millóns das vellas pesetas.
A súa vez, OYS Nororeste cedeulla a unha filial, Marina Sada, en 2003. Tal cesión foi irregular, segundo relata un Informe do Tribunal de Contas. Con todo, Portos de Galicia autorizou esta nova cesión. Carlos Negreira, deputado e candidato á alcaldía da Coruña, era o presidente de Portos de Galicia que deu luz verde a operación irregular.
Resultados sorprendentes nos concursos de Portos
A conexión co caso Gürtel dáse porque o Tribunal de Contas, un ente auditor público, atopou irregularidades en case todas as adxudicacións de Portos nesa época. Entre as beneficiadas desas irregularidades está Constructora Hispánica, cuxo dono, Alfonso García Pozuelo Asíns, está imputado por pagar comisións á trama a cambio de obras de administracións do PP.
O Tribunal de Contas describe como Hispánica recibiu obras "inxustificadamente polo trámite de urxencia" a dedo de Portos.
"Catro empresas finalmente baremadas obteñen todas a mesma puntuación final do concurso son Copasa, Davila lago s.a., OYS NOROESTE e a UTE Bardera e Constructora Hispánica. A mesa de contratación propón a esta última (Hispánica) como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar ningún outro criterio para tal apreciación”, relatan os contábeis sobre a adxudicación do porto de Ribadeo en 2003.
Portos utilizou o mesmo procedemento, darlle a mesma puntuación a todas as construtoras e logo outorgar a concesión a dedo, en múltiples obras ese ano. O nome de OYS NOROESTE aparece repetidamente entre as empresas que presentan ofertas que ao final levan todas, a pesar de ser concursos moi complexos, exactamente a mesma puntuación. Por exemplo:
Na adxudicación "inxustificadamente polo trámite de urxencia" do porto deportivo de Ribadeo: "Das catro empresas finalmente baremadas, dúas ocupan o primeiro lugar coa mesma puntuación final do concurso: son OYS NOROESTE, S.L. e RONÁUTICA, S.A. A mesa de contratación propón a esta última como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar en ningún criterio obxectivo tal apreciación".
Na adecuación do porto de Sanxenxo, tramitada sen licencia e por urxencia sen xustificación: "As catro empresas finalmente baremadas obteñen todas a mesma puntuación final do concurso: son ARIAS HERMANOS S.A., CORSAN-COVIAN S.L., EXTRACO S.A., e OYS NOROESTE S.L. A mesa de contratación propón a esta última como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar ningún outro criterio obxectivo para tal apreciación".
Na adecuación do vial do porto de Mugardos, tramitada sen licencia e por urxencia sen xustificación: "Das cinco empresas finalmente baremadas, tres ocupan o primeiro lugar coa mesma puntuación final: son OYS NOROESTE S.L., ARIAS HERMANOS S.A., e MOVEXVIAL S.L. A mesa de contratación propón a esta última como adxudicataria por considerar a súa oferta como a máis vantaxosa no seu conxunto, sen precisar outro criterio obxectivo de tal apreciación".
O Tribunal de Contas tamén atopou irregularidades nos contratos máis pequenos: "Na revisión dos contratos menores analizados constatáronse como incidencias máis relevantes: a tramitación de expedientes sen a previa aprobación do gasto; a realización da proposta de gasto con posterioridade á factura; e supostos de fraccionamento contractual que evitan a necesidade de tramitación dun expediente sometido a máis esixencias formais". De novo OYS NOROESTE aparece como gañadora deses cinco contratos menores.
O xefe de contabilidade de Portos era socio de Crespo
Outros dos datos apunta a unha presunta trama de corrupción en Portos de Galicia cando era presidente Carlos Negreira.
En primeiro lugar, Alberto Núñez Feixóo, conselleiro do que dependía Portos, mantivo a Pablo Crespo, preso como número dous do Gürtel, como vogal de Portos toda a lexislatura; malia que o PPdeG sabía hai anos, segundo admitiu o propio Fraga, das súas corruptelas.
En segundo lugar, o xuíz instrutor do caso Gürtel en Madrid chamou a declarar ao xefe de contabilidade de Portos. Victoriano Lago, que probablemente participou na tramitación dos expedientes irregulares, aparece como socio de Pablo Crespo nunha das empresas utilizadas presuntamente para lavar os cartos da comisión. O funcionario foi socio de Crepo en Welldone 2002, situada na caribeña Isla de Nevis e, segundo Público, foi interrogado sobre un ingreso de 300.000 euros na súa conta.
A próxima publicación do sumario completo do Gürtel poderá confirmar até que punto a acumulación de irregularidades nas adxudicacións da etapa de Negreira ao fronte de Portos teñen que ver ou non coa trama corrupta.