O ano 2011 comezou con importantes movementos estratéxicos nos medios de información en papel en Galicia. A planta de impresión de Faro de Vigo perdeu os seus tres clientes máis valiosos: ABC, Sport e Xornal. Os beneficiados son a Corporación Voz de Galicia e o Grupo Prisa.
Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/03/2011
A moderna planta de impresión que La Voz acaba de estrear en Sabón (Arteixo) captou ás edicións que o diario madrileño ABC e o catalán Sport teñen en Galicia. Pola súa banda, Xornal abandona a Factoría de Chapela-Redonela e aposta pola rotativa do Polígono de O Ceao, en Lugo.
A situación agora en Faro de Vigo é crítica. A planta de impresión de Celta de Artes Gráficas atópase baixo mínimos tras perder estas tres importantes cabeceiras e deseñáronse recortes en persoal na Factoría de Chapela. Fontes de Faro consultadas por Galicia Confidencial aseguran que a rotativa Mitsubishi coa que se traballa na planta de impresión falla a miúdo e non pode competir coa nova maquinaria de La Voz de Galicia, dúas Colorman do fabricante alemán Manroland. Paradoxalmente, mentres en Vigo sofren problemas constantes na súa rotativa, o Grupo Prensa Ibérica, ao que pertence o xornal vigués, adquiriu en 2008 unha rotativa Colorman de Manroland para Artes Gráficas do Atlántico, do diario La Provincia/DLP, nas Palmas de Gran Canaria.
Malestar en Vigo
As fontes consultadas por Galicia Confidencial falan dun gran malestar nas instalacións de Faro de Vigo, onde, tras varios despedimentos improcedentes, aos traballadores en persoal uníronse nos últimos anos empregados subcontratados ao Grupo Eulen, representado por Micalea Núñez Feijóo, irmá do presidente da Xunta. Estas subcontratacións responden ao plan de externalización que puxo en marcha desde a súa chegada a Vigo, no outono de 2008, o director xeral de Faro, Isidoro Nicieza, home de confianza do núcleo duro de Prensa Ibérica en Asturias.
Novos clientes para La Voz
Mentres, na Voz presumen de ter a rotativa “máis avanzada de España”, o cal lles permitiu conseguir como clientes ao ABC e ao Sport. “A nosa gran xogada é que conseguimos unha excelente rotativa a un moi bo prezo”, comentan fontes do diario coruñés, onde asumen que a tirada en papel da Voz caerá nos vindeiros anos como consecuencia da perda de difusión dos diarios impresos fronte ao auxe dos xornais dixitais.
“Coa incorporación destas cabeceiras á nosa rotativa deixaremos de depender do que mingüe a difusión da Voz nos próximos anos”, explican estas fontes, que se vanaglorian ademais de ter “a mellor distribución” en Galicia.
Precisamente, os competidores de La Voz teñen denunciado que este xornal captou ao ABC e ao Sport por venderlles "no mesmo pack impresión e distribución gratis", algo que negan desde o diario coruñés. Nunca ofrecemos distribución gratis. Iso sería moi estrano na industria. Non é competencia desleal pero sería unha especie de suicidio para quen o faga", din desde La Voz que apuntan que o obxectivo do xornal coruñés é captar "máis revistas e máis xornais". "Pero, agora, ata que se completen as instalacións non imos ter máis", indican.
Axudas da Xunta
O diario herculino mercou a rotativa en boa medida gracias a unha importante subvención a fondo perdido da Xunta, concedida tras a vitoria electoral do PPdeG. A subvención foi a máis importante na súa categoría concedida polo IGAPE o ano pasado. Desde La Voz aseguran que estas axudas "están contempladas para ese tipo de proxectos" e que as poden recibir calquera empresa que as pida. "Nós fomos os que demos ese paso pero podía haber outro xornal que tamén fixera iso e puxera unha nova rotativa en marcha", aclara a fonte da dirección consultada.
O IGAPE pagou ao grupo do editor Santiago Rey 2,2 millóns para “ampliar as súas instalacións e incorporar nova maquinaria de impresión, elementos de transporte interno e equipamentos informáticos”. Esta cantidade significa máis do 9,9% dos 22 ,15 millóns que, segundo a Xunta, eran o investimento subvencionable.
Cando o diario anunciara a compra da rotativa “máis avanzada de España” falara dun investimento de 25 millóns de euros polo modelo Colorman 9. De feito, o diario coruñés inaugurou novo formato o pasado xaneiro grazas a esta nova rotativa.
Xornal
Finalmente, Xornal de Galicia, que se imprimía na planta de impresión de Faro de Vigo pasou a ser tirada no Polígono do Ceao, en Lugo, en Norprensa, a planta de impresión que o grupo Prisa ten en Galicia e onde se tiran El País, Cinco Días e As. Fontes da dirección de Xornal consultadas por GC aseguran que non recibiron ningunha oferta de La Voz para imprimir na súa nova rotativa, como pasou con ABC e o Sport e din descoñecer as razóns.
Os principais grupos de comunicación galegos dipoñen de plantas de impresión. Ademais do Grupo Prensa Ibérica, La Voz e Norprensa, tamén contan con rotativas o grupo El Correo, o grupo El Progreso e o grupo La Región. Ademais, o grupo Recoletos ten en Rábade a imprenta Recoprint onde imprime os diarios Marca e Expansión.
Información elaborada por Alberto Quián, Xurxo Salgado e P.L.