Os kalekoi, a historia e o presente de Galicia en debuxos animados

Noiseu Producións acaba de iniciar unha serie de debuxos animados sobre un pobo "celta-galego" que se enfronta aos viquingos.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 17/03/2011

"O meu nome é Xan. O meu pobo foi saqueado, unha vez máis polos vikingos. Eu puiden fuxir caghando mistos, mais perdinme polas fragas e no medio do monte topei un poboado alleo a todo. Eles eran os kalekoi". Así comeza o primeiro capítulo, "Misión en Catoira", desta serie que xa se pode ver en internet.

Os kalekoi narra a historia dun pobo oculto no que viven "celta-galegos", personaxes que representan o presente e o pasado de Galicia e que caricaturizan situacións cotiás como o gusto dos galegos pola comida, polo viño ou polos licores. De feito, o nome da serie alude á denominación que xa tiñan os galegos cando chegaron os romanos.

Bos e malos

Esta serie de animación conta con 15 personaxes. Os bos son os galegos e os malos son os viquingos. Así, atopamos guerreiros, labregos, meigas, bruxos, loitadores e loitadoras, brutalláns e neofalantes. Tamén hai unha versión en castelán de traducción moi libre.

Web

A empresa Noiseu está detrás desta serie que xa conta cunha web na que se poden ver os personaxes, descargar fondos de escritorio e mercar produtos, ademais de ver os capítulos.

Ademais dispón dun apartado "diversións" nos que o usuario pode xogar distintos xogos: "A queimada máxica de Aramiña", "Preguntalle á meiga Aramiña", "As rudas máxicas vikingas" e o "Horóscopo celta".