GC repasa o posicionamento das forzas políticas galegas ante a sentencia do Supremo. Sortu confía en que o Constitucional falle ao seu favor, como sucedeu con Iniciativa Internacionalista. Vídeo no interior.
Por Galicia Confidencial | Santiago | 24/03/2011
Montse Prado, secretaria de organización do Bloque, acaba de facer a primeira valoración da fronte sobre a sentencia do Supremo. O tribunal decidiu, por maioría pero con tres votos particulares, admitir a demanda do Ministerio de Interior de non inscribir aos abertzales.
Sortu ten así moi complicado poder presentarse ás eleccións locais. Se presenta un recurso ao Tribunal Constitucional, está nas mans dos xuíces fallar ou non antes dos comicios.
En todo caso, os independentistas vascos conservan unha raiola de esperanza. Xoga ao seu favor o precedente de Iniciativa Internacionalista. O Constitucional fallou in extremis en contra da sentencia previa do Supremo, podéndose presentar ás eleccións europeas do ano pasado.
“Esa sentenza temos cualificala dunha oportunidade perdida e dunha mala noticia para a democracia e o avance dunha solución política para o pobo vasco”, apuntou Prado.
A secretaria de organización lembra que “sempre fomos contrarios á lei de partidos porque non soluciona nada do problema do pobo vasco”. A diferencia do sucedido con Iniciativa Internacionalista, na que participaba os tamén nacionalistas galegos da FPG, o Bloque sempre se mostrou a prol da legalización da nova formación abertzale.
Para Prado “o feito de que haxa tres votos particulares, é a primeira vez neste tipo de sentencia, evidencia que hai unha parte da sociedade que se está movendo e que quere unha saída política”.
Tanto PP como PSOE a nivel estatal aplauden a sentencia do Supremo. Nos estatutos de Sortu condenase calquera forma de violencia, en particular a de ETA. Con todo, o Supremo admitiu o argumento do Ministerio de Interior, que cre que é unha nova encarnación de Batasuna baixo mandato dos terroristas.
Outras forzas do país, como a FPG e Causa Galiza, criticaran a demanda de non inscripción no rexistro de partido. Esta semana vinte eurodeputados tamén pediron a legalización, incluídos políticos de Esquerda Unida e ERC.