Posposta a conferencia de Blas Piñar en instalacións militares da Coruña

Tras a noticia do GC, dirixentes socialistas insinuaron a Defensa que non era moi apropiado a celebración deste acto xusto cando a ministra asistía na Coruña á toma de posesión de Miguel Cortizo como delegado do Goberno.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/04/2011

"Por razones de programación de la Fuerza Logística Operativa, se aplaza la conferencia prevista para el jueves día 14 de abril en el Museo Militar hasta una fecha que posteriormente se comunicará". Con esta escueta nota daban conta da supresión deste acto organizado polo General Xefe da Fuerza Logística Operativa e o Coronel Director do Museo Militar da Coruña e no que ía intervir Blas Piñar Gutiérrez, xeneral retirado, fillo do líder de Fuerza Nueva, Blas Piñar.

A comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pediralle á ministra de Defensa, Carmen Chacón, que impedira a conferencia deste xeneral na  Coruña polo seu pasado franquista. Finalmente, e tras a mediación de dirixentes socialistas locais, que informaron deste feito ao Ministerio, o departamento de Chacón deu ordes de paralizalo.

Convite oficial

“El General Jefe de la Fuerza Logística Operativa y en su nombre el Coronel Director del Museo Militar de La Coruña, tiene el honor de invitarle a la conferencia El asedio y liberación del Alcázar de Toledo, que impartirá el Excmo. Sr. D. Blas Piñar Gutiérrez, General de Brigada de Infantería, que tendrá lugar el jueves 14 de abril de 2011 a las 20 horas, en el Museo Militar; plaza de Carlos I s/n de La Coruña”.

Con esta carta de convite e co logo do Ministerio de Defensa se presentaba a conferencia que Blas Piñar, fillo do histórico dirixente de Fuerza Nueva, ía impartir na Coruña e que causou a indignación da CRMH por consideralo "ofensivo" contra todas as vítimas do franquismo.

"Manifiesto de los 100"

o capitán Blas Piñar Gutiérrez foi un dos promotores do chamado Manifiesto de los 100, que defendía a militares golpistas como Miláns  e Tejero, despois da intentona golpista do 23-F de 1981. Co citado manifesto os golpistas pretendían presionar  e atemorizar ao Goberno e aos medios de comunicación na víspera do consello de guerra contra os golpistas. "Los insultos y ataques a nuestros compañeros los consideramos dirigidos a la colectividad, con las consecuencias que ello dé lugar”, apuntaba aquel escrito.

Logo do fracaso do golpe, Blas Piñar continuou no Exército e foi ascendendo ate Xeneral de Brigada, a proposta do ministro de Defensa, Federico Trillo, en xaneiro de 2004.

Cancelación da conferencia

con estes antecedentes, O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Manuel Monge, anunciou que entregaría un escrito á ministra de Defensa, Carme Chacón este venres na Delegación do Goberno na Coruña para impedir a súa celebración.
 
Nese escrito a CRMH solicitaba á ministra que dea as ordes oportunas para que non se celebre a conferencia en instalacións militares, e que se abra unha investigación para delimitar as responsabilidades dos citados militares por invitar a esta conferencia, utilizando o logotipo oficial do ministerio de Defensa.