O alcalde de O Pino, o popular Manuel Taboada, inaugurou, con motivo do Día da Muller Traballadora, unha escultura no seu concello que indigna a oposición.
Por Xurxo Salgado | O Pino | 12/04/2011
Unha muller da aldea dándolle de comer a unhas pitas. Esa é a homenaxe coa que Manuel Taboada quixo homenaxear a “todas as mulleres” do Concello de O Pino. Unha escultura que causou perplexidade, sorpresa e indignación entre os grupos da oposición, non só porque a obra se teña inaugurado case ao límite da entrada en vigor da nova lei electoral, que impide este tipo de actos, senón pola imaxe que se dá da muller.
“A base da estatua e case tan grande como o propio busto. Por non dicir que unha muller dándolle de comer a unhas galiñas, non sei, pero creo que non se identifica en absoluto coa muller taballadora do 2011”, asegura Begoña Pampín, candidata do PSOE ao GC.
A escultura foi inaugurada hai duas semanas nun acto, cualificado polos socialistas como “semi-privado”, e ao que asistiron só os concelleiros, un fotógrafo privado e un pequeno grupo de veciños. Por iso, Pampín suliña que isto “demostra que en ningún momento se pensou en nós como mulleres á hora de deseñar a famosa estatua”. “ Algo que está máis que claro cando non se invitou as mulleres taballadoras do Concello a participar no acto, nin se tivo en conta en ningún momento a súa opinión. Se por outro lado estamos nunha sociedade que loita pola igualdade, son actos como estes os que non alonxan todavía máis dese fin”, precisou.
Este grupo tamén denuncia ao alcalde por, en tempos de crise, inaugurar unha escultura de “malgusto” e piden que informe do seu custe, así como o dos “pinchos posteriores ao evento”. “E logo fala de austeridade nos tempos que corren”.