O documental Vikingland seleccionado no FIDMarsella

“Vikingland” é un filme que está dedicado aos mariñeiros galegos no Norte de Europa. A cita francesa pasa por ser o evento máis importante do mundo dedicado a esta forma cinematográfica. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Marsella | 10/06/2011

Dirixido por Xurxo Chirro e producido por Fílmika Galaika, acaba de ser seleccionado na Competición Internacional do FIDMarsella que vai ter lugar do 6 ao 12 de xullo.

A orixinalidade da proposta non deixou indiferente ao comité seleccionador do FIDMarsella que sitúa ao filme galego entre a quincena de documentais máis interesantes a nivel mundial do presente ano. O documentario está no ronsel dos chamados filmes de “arquivo revelado”. O director botou man dunhas dezaseis horas dun vídeo-diario que en 1993-1994 gravou cunha videocámara un mariñeiro da Guarda, Luís Lomba “O Haia”, que traballaba nun ferri entre a cidade danesa de Romo e a illa alemana de Sylt.

“Vikingland” é un filme que está dedicado aos mariñeiros galegos mais a pesar de reflectir a dura vida do mar tamén contén unhas imaxes que dan conta dunha maneira directa da epopeia e os sacrificios aos que se tiveron que enfrontar a emigración galega, neste caso no Norte de Europa. Asemade, o filme pasa por ser unha reflexión sobre a deriva tecnolóxica na que se veu envolto a imaxe nos últimos tempos, do soporte magnético, o vídeo, ao píxel. Unha travesía fílmica total subliñada coa composición músical de Seném Outeiro.

As imaxes de partida posúen un alto valor testimuñal e estético. Tras un longo traballo de montaxe e tras inspirarse en Moby Dick, de Herman Melville, organizouse o material para conseguir o que seu director califica como “un filme pequeno e engurrado mais de amplos significados que ambarca ao espectador nunha experiencia humana difícil e complicada onde pon en tela de xuízo a realidade e a natureza dos soportes audiovisuais”.